Cinco dos 13 acusados no xuízo do Mulo rexeitan calquera relación coa descarga de cocaína
Por Redacción
Rafael Bugallo "O Mulo" volvía pedir a palabra na cuarta sesión do xuízo que se celebra na Audiencia Provincial contra 13 acusados de participar nunha descarga de 3.500 quilos cocaína, que finalizaba cunha planadora varada e queimada na Lanzada en agosto de 2008. O principal procesado tentaba desacreditar os testemuños de dous dos acusados, José Antonio Búa e Luís Fajardo, que durante as súas declaracións, tras admitir a súa participación nos feitos, afirmaban que todo o que realizaran foi baixo as ordes de Rafael Bugallo. O Mulo asegurou que eles compraran os motores da lancha e que dispoñía de probas para demostralo.
O primeiro acusado que prestou declaración durante este xoves, José Antonio Búa, admitiu na vista que a maioría do que relata a carta manuscrita de O Mulo era certo. Recoñeceu que, cando se realizou a descarga, mantiña unha relación coa filla de O Mulo e admitiu que tiña unha lancha de seis metros para dedicarse á pesca furtiva e que foi Rafael Bugallo quen lles ordenaba o que tiñan que facer coas embarcacións. Búa indicaba que el era un peón que se encargaba de comprar material na ferraxería, gasolina e aceite. "Eu axudaba no que me pedían", explicou ante o tribunal. "Foi Rafael Bugallo quen nos dixo que nos ían a pagar moi ben", afirmaba. Asegurou tamén que nos últimos anos non mantivera relación algunha co principal procesado nesta trama.
Pola súa banda, Fernando Prado admitiu tamén a carta de O Mulo pero alegando que el non buscara xente para ir na planadora. "Eu ía ir só", alegou admitindo que o resto do contido do documento era verdade. Admitiu que ía ser o piloto da lancha e que mantivo contactos por SMS con José Luis Devesa, patrón do Ratonero, barco que ía fornecerlle a gasolina á lancha no mar. Prado indicou que finalmente non pilotara a embarcación nin tampouco se achegou a ver a planadora ardendo na Lanzada. Tamén recoñeceu que naquel momento era adicto á cocaína e que nos últimos anos estivera en dous centros de desintoxicación.
"Foi Rafael Bugallo quen nos dixo que nos ían a pagar moi ben"
O patrón do Ratonero, José Luis Devesa, recoñeceu que fora Fernando Prado quen lle daba as coordenadas onde tiñan que fornecer a gasolina á lancha e afirmou que un dos tripulantes, o tamén acusado Fredi Wily, descoñecía a operación que ían levar a cabo. Devesa indicou que cando o chamaron para realizar este traballo e acordar o prezo sabía que a descarga ía ser de droga: "Pipas non, vieiras tampouco", indicoulle ao fiscal. Por ese motivo, puxo un prezo astronómico pensando que non ían aceptar e, con todo, quedou sorprendido cando lle dixeron que si. Sinalou que nunca chegou a obter lucro económico e só tivo promesas. "Saín prexudicado", afirmou Devesa, que actualmente se atopa en prisión por outra causa.
Dos trece acusados que sentan no banco, cinco rexeitan calquera relación coa descarga: Gustavo Adolfo Agudelo, Víctor Manuel Rodríguez , Fredi Wily, Manuel Nogueira e Fernando Bugallo Varela. O resto admite, con matices, o contido do manuscrito onde O Mulo os implica.
O xuízo continuará este venres coa declaración de dous axentes policiais que interviñeron na desarticulación desta operación.
Relacionadas:
-
'O Mulo', condenado a oito anos de prisión polo alixo de cocaína da Lanzada
Por Redacción |
-
A rede do Mulo enfróntase a 80 anos de prisión polo alixo da Lanzada, só un terzo do que pedían antes do xuízo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Audiencia retoma o xuízo contra a rede de narcos do 'Mulo' co testemuño dos investigadores
Por Redacción |
-
A Policía confirma que O Mulo era quen daba la última palabra no operativo da descarga de droga
Por Redacción |
-
O Mulo alerta o tribunal de que está a recibir ameazas na sala durante o xuízo por narcotráfico
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Nove acusados no xuízo da planadora da Lanzada recoñecerán os feitos tras aparecer unha carta do Mulo
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
As defensas piden a nulidade do xuízo por narcotráfico contra o "Mulo" e outros 12 implicados
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
14 persoas a xuízo polo alixo de 3.500 quilos de coca que ía nunha planadora queimada na Lanzada e apareceu flotando
Por Redacción |