A Brilat achega á cidadanía o seu traballo cunha exposición na Alameda
Por Redacción
O vindeiro sábado 27 de maio, con motivo do Día das Forzas Armadas 2017 que se conmemora en toda España, a Alameda de Pontevedra acollerá unha exposición de armamento e material para mostrar á cidadanía o traballo da Brilat Galicia VII.
A exposición estará aberta en horario de mañá e tarde, de 10.00 a 19.00 horas, e, segundo informou a Brilat, será unha mostra dinámica na que mostrarán á cidadanía os vehículos, armamento e equipos de telecomunicacións que utiliza o Exército.
Ademais, os nenos terán a oportunidade de realizar un percorrido topográfico pola Alameda e os arredores ou de probar a pista infantil de obstáculos.
O obxectivo é que a poboación poida coñecer os diversos materiais e mesmo tocalos e coñecer o seu funcionamento, do mesmo xeito que xa fixeron o pasado mes de outubro de 2016. Naquela ocasión, con motivo dos actos do 50 aniversario da Brilat, realizouse unha exposición similar con gran éxito.