Amizade organiza unha xornada multideportiva adaptada o sábado en Montero Ríos
Por Redacción
A Asociación de Persoas con Discapacidade da comarca de Pontevedra, Amizade, organizará este sábado 27 de maio a segunda edición dunha xornada multideportiva adaptada para que toda aquela persoa interesada poida probar e practicar distintos deportes adaptados.
A actividade celebrarase entre as 10.00 e as 14.00 horas na avenida Montero Ríos de Pontevedra e está pensada para todo tipo de público, teña ou non discapacidade. Entre outros deportes, pódense probar baloncesto, tenis de mesa, tiro con arco, bádminton, boccia e slalom.
A xornada estará xestionada pola Fundación También, que conta con ampla experiencia na inclusión social das persoas con discapacidade e o fomento de valores educativos en actividades deportivas adaptadas, de ocio e tempo libre. O colectivo desprázase desde Madrid nunha unidade móbil de deportes adaptados co obxectivo principal de achegar a toda a poboación o deporte adaptado.
As persoas que se acheguen ata a avenida Montero Ríos poderá probar unha variada selección de deportes adaptados, coñecer o material deportivo adaptado, concienciar sobre as dificultades que unha persoa con discapacidade ten para vivir no seu día a día e sensibilizar sobre a necesidade de normalizar a vida das persoas con discapacidade, entre outras.