Barro súmase á Ruta do Viño Rías Baixas
Por Redacción
A Ruta do Viño Rías Baixas conta, desde este mércores 24 de maio, cun novo concello entre os seus membros. Trátase do Concello de Barro, que formalizou a súa entrada neste itinerario enoturístico co convenio que asinaron o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o seu presidente, Juan Gil de Araujo.
Gil de Araujo mostrouse moi satisfeito por sumar un novo asociado á Ruta do Viño Rías Baixas, ao entender que isto quere dicir que "hai interese no traballo que estamos a desenvolver para promocionar a nosa ampla oferta enogastronómica".
O alcalde, pola súa banda, indicou que este convenio axudará a "poñer en valor o territorio vitivinícola de Barro e abrir as portas a que as adegas e establecementos poidan desenvolver o seu labor en prol do enoturismo".
Fernández Abraldes aproveitou a oportunidade para convidar á Ruta do Viño Rías Baixas a unha das súas celebracións máis destacadas, a Festa do Viño de Barro, que se desenvolverá o próximo mes de xuño.
Grazas a este acordo, tamén se poderán unir a esta asociación sen ánimo de lucro diversos establecementos localizados no municipio de Barro.
O seguinte paso, explicou o presidente da ruta, será "reunirnos con adegas e empresas hostaleiras e hoteleiras para presentarlles o noso proxecto enoturístico e tramitar a súa posible adhesión".
Aquelas empresas interesadas en adherirse á Ruta do Viño Rías Baixas deberán superar previamente unha auditoría coa que se busca garantir que as instalacións e servizos ofertados cumpren cos requisitos mínimos de calidade e atención aos visitantes especificados no manual de produto de Rutas do Viño de España.
Relacionadas:
-
O enotruck dos viños galegos aparca na Praza de España
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Rías Baixas perfílase como un dos destinos preferidos polos enoturistas
Por Redacción |
-
Barro despide cunha cata a Festa do Viño
Por Diego Torrado |
-
A Festa do Viño de Barro vén chea de actividades para todos os gustos
Por Redacción |
-
Actividades accesibles, bicicleta en familia e maxia, novedades na Ruta do Viño Rías Baixas
Por Oskar Viéitez |