Mercar na praza de abastos de Ponte Caldelas ten premio
Por Redacción
Mercar na praza de abastos de Ponte Caldelas ten premio durante este mes. O Concello, a Xunta e os praceiros colaboran na campaña "Quere o teu mercado", que forma parte do movemento internacional "Love your local market ".
A Xunta achegou material promocional para engalanar o edificio, como bandeirolas e cartelería, así como mandilóns especiais para os praceiros. Aos clientes están reservados agasallos como globos ou bolsas da compra.
O Concello de Ponte Caldelas decidiu reforzar a campaña coa entrega de vales para racións durante a Festa da Troita, que se celebra esta próxima fin de semana.
O alcalde, Andrés Díaz, compartiu tempo cos praceiros dos catro postos cos que conta o mercado caldelán (un posto de peixe, dous de carne e outro de verduras e froitas) para presentar esta campaña, que axuda a sacar adiante un mes que non é especialmente forte en ventas.
Un total de 90 mercados galegos están a participar nesta iniciativa, que continuará ata o remate deste mes.