Patronal e sindicatos negocian en Vigo para resolver o conflito no sector da alimentación
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
Sindicatos e patronal comezaron a súa reunión ás cinco da tarde deste martes 19 en Vigo coa mediación da Inspección de Traballo. Segundo fontes sindicais, hai un avance positivo neste encontro en relación cos anteriores xa que a patronal parece decidida a negociar e a alcanzar un acordo que evite a folga prevista para a Semana Santa.
O Xefe provincial da Inspección de Traballo, José María Casas de Ron, exerce de mediador e os sindicatos xa presentaron unha oferta nesta reunión. Pola súa banda, os representantes da patronal solicitaron un receso en torno ás oito da tarde para estudala e presentar unha contraoferta. Os sindicatos agardan que a xuntanza se prolongue ao longo da noite.
Segundo os representantes sindicais, o temor á folga levou a patronal a solicitar a mediación da Inspección de Traballo que convocou ás dúas partes á reunión. Carlos Esperón, de UGT, afirmaba antes de entrar na sala: "Hoxe partimos de que é a patronal quen solicita a mediación e por iso entendemos que ten que haber un movemento importante por parte deles". O representante sindical aludía a que se está intentando coaccionar os traballadores para que non secunden a folga repartindo información nas empresas "con datos que non son totalmente certos".
Aseguran que "se está trasladando confusión e incerteza aos traballadores tras comprobar que as asembleas rexeitan as propostas de convenio colectivo por parte da patronal".
Este mediodía do 19 de marzo, ao redor de trinta representantes sindicais de CC.OO., CIG e UGT concentráronse ante as portas do centro de HiperFroiz en Santa Clara dentro das medidas de protesta que están a levar a cabo para reclamar un convenio colectivo. Para o luns 25 de Semana Santa está convocado o inicio dunha folga nos centros de alimentación que están suxeitos a este convenio e que continuaría os días 26, 27, 28 e 30. Os supermercados dos grupos máis coñecidos que se verían afectados serían Froiz e Gadis.
Os sindicatos afirman que unha das empresas que máis sufriría a convocatoria de folga sería Froiz porque se se paraliza o seu centro loxístico en Poio quedarían sen abastecemento numerosos supermercados situados en distintas comunidades do centro de España. E mesmo indican que sería pésimo para a súa imaxe non ter actividade mentres outros centros con convenio se estarían abertos.