A Deputación desenvolverá unhas xornadas sobre as mulleres no mundo do viño e a violencia machista
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este martes as dúas xornadas que a institución provincial, a través da súa Escola de Igualdade María Vinyals, desenvolverá os próximos 10 de xuño en Cambados, a Cidade Europea do Viño, e o 15 de xuño no castelo de Soutomaior, a sede da escola. As xornadas terán como temática, respectivamente, as experiencias das mulleres no mundo do viño e a violencia machista.
Carmela Silva sinalou que no mes de xuño "con estes dous importantes eventos, a provincia de Pontevedra vai converterse na capital da igualdade" e sinalou que a loita pola igualdade e contra a violencia machista "é unha cuestión de ética social e política" e fixo referencia ao feito de que "non debería de deixar de existir un Ministerio de Igualdade".
O 10 de xuño en Cambados desenvolverase a xornada "A experiencia das mulleres no mundo do viño", no marco do convenio de colaboración asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Cambados para promocionar o seu nomeamento como Cidade Europea do Viño.
Nas distintas mesas redondas intervirán mulleres de todas as produtoras con denominación de orixe de Galicia, o Instituto Galego do Viño, a Misión Biolóxica de Galicia e mulleres profesionais do sector.
Por outra banda o 15 de xuño será a quenda da xornada no castelo de Soutomaior, sede da escola, dedicada integramente a "a peor secuela da nosa sociedade", resaltou Carmela Silva, "que é a violencia machista". O título desta xornada é "Miradas interdisciplinares sobre a violencia de xénero".
A xornada contará coa participación de Miguel Lorente (un dos grandes referentes, con preto de 100 publicacións e unha vintena de premios), Nuria Varela (xornalista cunha ampla formación nesta materia), Teresa Perato (licenciada en Dereito, compoñente do grupo de expertas do Observatorio Estatal de Violencia contra a Muller), Luz Martínez (pedagoga feminista e secretaria de Muller e Políticas Sociais da UXT), Pilar Aguilar (especialista en cinema con perspectiva de muller) ou Mª Paz Aguilar (xuíza recoñecida que falará sobre a Lei de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, así como a perspectiva europea nesta materia).
Relacionadas:
-
Outubro, un mes enfocado na formación para promover a igualdade efectiva entre mulleres e homes
Por Natalia Puga |
-
O Museo acolle unha exposición dedicada á precursora do feminismo María Vinyals
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
López Abella participa na mesa contra a violencia de xénero de Cambados, Meis y Ribadumia
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación organiza unha xornada para visibilizar o liderado das mulleres
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Abre as súas portas a Escola de Igualdade María Vinyals
Por Redacción |
-
A Deputación visibiliza o seu compromiso coas políticas de igualdade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |