Nove acusados no xuízo da planadora da Lanzada recoñecerán os feitos tras aparecer unha carta do Mulo
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot
O xuízo de narcotráfico que se desenvolve ao longo desta semana na Sección Segunda da Audiencia Provincial deu un xiro sorprendente coa presentación dunha carta manuscrita do principal implicado nesta causa, Rafael Bugallo "O Mulo".
Nas últimas horas, a maioría de avogados da defensa dos trece procesados que sentan no banco recibiron esta proba documental que o fiscal antidroga xa solicitara que se sumase a esta causa en 2015. Con todo, os representantes da defensa sinalaban que non tiñan coñecemento desta importante proba que formaba parte doutro procedemento xudicial no que tamén estaba imputado "O Mulo".
A primeira consecuencia da presentación desta proba levou a suspensión da vista oral durante esta segunda xornada. Os letrados analizaron o documento no que Rafael Bugallo recoñece os feitos que se lle imputan e cita a outros oito dos acusados que se atopan no banco como colaboradores na trama delicitva, que consistía no transporte de 3.500 quilos de cocaína nunha operación que finalizaba en agosto de 2008 cunha planadora varada e queimada na praia da Lanzada.
Pablo Varela, o fiscal antidroga, explicaba, despois da suspensión da vista, que a análise dunha inxente cantidade de documentos que obra nunha causa como esta é o que alegaron as partes para xustificar que non puidesen tomar coñecemento en detalle desta documental.
Pola súa banda, o letrado Víctor Bouzas recoñecía que se mantivo unha reunión entre os avogados da defensa e sen que chegue a producirse unha conformidade de todos os acusados, na sesión deste mércores oito dos imputados, ademais de Rafael Bugallo, recoñecerán os feitos ao presentar o Ministerio Fiscal esta proba documental. Segundo explicaba, esta colaboración permitirá que o fiscal aplique a atenuante analóxica da confesión tardía e das dilacións indebidas que, segundo expuxo, "son moi cualificadas" debido a case unha década de atraso desde que se cometeu o delito.
Asegurou tamén que as defensas poderán pedir ao tribunal unha rebaixa aínda maior da que solicite o fiscal e sinalou que tentarán que a pena do seu defendido, José Antonio Búa Padín, se sitúe entre seis e oito anos de prisión, cando as penas inicialmente oscilaban entre os 17 e os 15 anos.
Os outros catro acusados, que non admitirán os feitos e que tampouco figuran na carta de O Mulo, entenden que non tiveron participación nin sequera tanxencial nas actuacións que se lles imputan e por tanto manterán a liña argumental das súas defensas. O xuízo reanudarase este mércores na Audiencia de Pontevedra, onde durante esta xornada incrementáronse os efectivos policiais para a vixilancia dos procesados.
Relacionadas:
-
'O Mulo', condenado a oito anos de prisión polo alixo de cocaína da Lanzada
Por Redacción |
-
A Audiencia retoma o xuízo contra a rede de narcos do 'Mulo' co testemuño dos investigadores
Por Redacción |
-
A Policía confirma que O Mulo era quen daba la última palabra no operativo da descarga de droga
Por Redacción |
-
Cinco dos 13 acusados no xuízo do Mulo rexeitan calquera relación coa descarga de cocaína
Por Redacción |
-
O Mulo alerta o tribunal de que está a recibir ameazas na sala durante o xuízo por narcotráfico
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
As defensas piden a nulidade do xuízo por narcotráfico contra o "Mulo" e outros 12 implicados
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
14 persoas a xuízo polo alixo de 3.500 quilos de coca que ía nunha planadora queimada na Lanzada e apareceu flotando
Por Redacción |