O PP rexeita a iniciativa popular que garantiría por lei un Montecelo 100% público
Por Alejandro Espiño
A iniciativa lexislativa popular, apoiada por máis de 11.000 firmas de cidadáns, que buscaba blindar por lei a creación dun hospital único de Pontevedra a través da ampliación de Montecelo e que se garanta que sexa 100% público, foi rexeitada polo Parlamento ao contar co voto en contra do PP, que conta con maioría absoluta na cámara.
Anxo Rincón, portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública de Pontevedra, foi o encargado de defender esta iniciativa no Parlamento e cualificou como unha "gran vitoria do movemento cidadán" chegar ata a cámara autonómica para denunciar as "carencias" que afectan á área sanitaria de Pontevedra "desde hai máis de vinte anos".
O portavoz criticou os "colapsos recorrentes" nas urxencias de Montecelo, falta de camas e equipos, centros de saúde "deteriorados", estruturas asistenciais "escasas" para saúde mental ou unha unidade de drogodependencia con "instalacións cheas".
A isto únese, lembrou un complexo hospitalario con dous edificios "separados por quilómetros", que provoca "incomodidade" a pacientes e que os profesionais "perdan tempo", con traslados "continuos" en ambulancias.
Aínda que cualificou esta iniciativa como "loable", Jacobo Moreira xustificou a negativa do PP para apoiala porque a ampliación de Montecelo e o carácter público do novo hospital "xa está asegurado" co convenio asinado entre a Xunta e o Concello e que está referendado, dixo, coas actuacións que xa están en marcha.
Na súa exposición, Moreira lembrou que ningún centro hospitalario en Galicia está regulado por lei, "nin entendemos razoable que así o sexa" e sinalou que o marco legal "non é o lugar para definir xeograficamente a localización de infraestruturas e moito menos os servizos sanitarios".
A iniciativa lexislativa popular "adianta acontecementos", segundo o PP, ao definir cales son os servizos que deben quedar no Provincial "antes de coñecer que novos servizos se van incorporar na ampliación do Gran Montecelo". Asegura que apoiar esta definición "vai en contra" do proceso "colectivo" iniciado por Sanidade para deseñar o plan funcional do hospital.
CRÍTICAS DESDE A OPOSICIÓN
Pola súa banda, o deputado socialista Julio Torrado instou a Sanidade a "ampliar servizos ademais de ladrillos" no Hospital Montecelo, garantindo "mellor calidade" dentro do carácter público do centro sanitario. "Non sexa que vaiamos ter un hospital máis grande para ter os mesmos problemas que agora", asegurou.
Torrado alertou dos "temores bastante fundados" de que se repitan en Montecelo os "antecedentes" do hospital de Vigo, polo que pediu "non baixar a garda na defensa do público", porque entende que "non cabería en ningunha cabeza" ofrecer unha instalación sanitaria para un servizo privado "que faga negocio a costa do financiamento público".
Marcos Cal, deputado de En Marea, lamentou a "deterioración" que se está producindo na sanidade galega polos "drásticos recortes" que están a sufrir os servizos públicos por parte do PP, que aposta por un modelo que, engadiu "antepón os intereses económicos duns poucos aos intereses da cidadanía e que está a facer negocio coa saúde da xente".
Esta iniciativa cidadá, lembrou, pretende "blindar" o sistema público de saúde na área de Pontevedra, tanto na súa construción como na súa administración posterior, e "liquidar as enormes carencias" da atención sanitaria. Estes colectivos "non se fían", dixo, dos anuncios "sen concreción" da Xunta, porque a súa palabra "non vale nada" ante os "enganos e incumprimentos" do pasado.
Luís Bará, por último, celebrou o "logro colectivo" da sociedade pontevedresa ao frear un hospital, o de Monte Carrasco, "movido por intereses privados". Coa ampliación de Montecelo, asegura, saldarase a "débeda histórica" do Sergas coa área sanitaria de Pontevedra, en beneficio das 300.000 persoas que a integran.
Pero o deputado do BNG criticou o "veto" do PP á iniciativa lexislativa popular, xa que considera que sería a "mellor garantía" para mostrar un compromiso "firme" coa sanidade "pública, universal e de calidade", descartando que se converta nun "negocio entre empresas amigas".
Entre os asistentes ao debate, desde a tribuna de invitados, estaba o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen advertiu que "vou seguir de preto este proceso" para que finalmente Pontevedra teña un hospital único e público porque "é absolutamente necesario" para esta área sanitaria.
"Seguindo a máxima que di a deus rogando e co mazo dando, seguiremos esixindo que se cumpran eses compromisos porque o que quere o BNG é que a área de Pontevedra teña unha sanidade pública, que é boa, pero para que non se deteriore é preciso seguir investindo e ampliando os servizos", engadiu Fernández Lores, que pediu "non baixar a garda".
Relacionadas:
-
O conselleiro de Sanidade defende o "bo ritmo" do proxecto do Gran Montecelo
Por Redacción |
-
A Xunta anuncia a licitación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Gran Montecelo
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Montecelo despide os últimos residentes e dá a benvida os novos
Por Redacción |
-
A ILP en defensa dun Hospital Público e Único de Pontevedra chega ao Parlamento
Por Natalia Puga |
-
Críticas ao Sergas por pechar en verán unhas oitenta camas en Montecelo e o Provincial
Por Alejandro Espiño |
-
Sanidade realizou 95 reunións con grupos de traballo para elaborar o proxecto do Gran Montecelo
Por Redacción |