Bueu entrega os premios Johán Carballeira de poesía e xornalismo
Por Redacción
María Obelleiro e Montse Dopico en xornalismo e María Reimóndez en poesía. As tres foron as gañadoras dos premios Johán Carballeira e recolleron os seus galardóns en dous actos diferenciados que se celebraron este domingo en Bueu.
A entrega do premio de xornalismo tivo lugar pola mañá e enmarcouse nunhas charlas sobre a muller nos medios de comunicación. É a primeira vez que recala en dúas mulleres, María Obelleiro pola reportaxe "O apartheid sanitario na Galiza" e Monse Dopico polo traballo "Galaxia vs Galaxia. A construción da hexemonía cultural".
Nesta charla, que se celebrou ao mediodía na Sala Domínguez Búa, fíxose un percorrido pola situación de infrarrepresentación que viven as mulleres en todos os ámbitos da vida, pero máis concretamente no xornalismo.
A continuación, o alcalde fixo entrega dunha réplica do monumento de Johán Carballeira ás premiadas quen, na voz de María Obelleiro, agradeceron este premio, "que nos fai moita ilusión por ser o Concello de Bueu dos primeiros que apostan por estes certames", destacando ademais "o impulso de políticas por e para as persoas, cunha incesante actividade cultural".
Xa pola tarde celebrouse no Centro Social do Mar o VI Festival Poético, no que se inseriu a entrega do premio Johán Carballeira de poesía, que este ano chega xa á súa vixésima edición, e que recalou no poemario Galicia en bus de María Reimóndez.
O acto estivo presentado por Manuel A. Mosteiro, e contou coa participación dos poetas Daniel Costas e Xosé María Álvarez Cáccamo. Ademais, Pura Tejelo, gañadora da edición anterior, fixo unha lectura dalgúns poemas de A elegancia do século, explicando aos presentes que se trata dun canto aos pequenos heroes da vida diaria e que representa unha cidade, que pode ser ou xa non ser.
María Reimóndez, recoñecida novelista e tradutora feminista, tamén deleitou ao público cun pequeno petisco dos seus poemas, que reproducen a observación da vida e do cotián, á maneira dunha viaxe en bus.
O broche de ouro desta festa da poesía púxoo o cuarteto Staccato, conformado por compoñentes da Banda de Música Artística e Xuvenil de Bueu.
Relacionadas:
-
Abre o prazo para presentarse aos premios de xornalismo e poesía Johán Carballeira
Por Redacción |
-
Moncho Iglesias e Daniel Asorey, gañadores dos premios Johán Carballeira
Por Redacción |
-
Récord de propostas para os premios Johán Carballeira de Bueu
Por Redacción |
-
200.000 euros para dinamización da lingua galega e normalización nos concellos da provincia
Por Redacción |
-
Montse Dopico e María Obelleiro, gañadoras do premio Johán Carballeira de xornalismo
Por Redacción |
-
Bueu lembra o oitenta aniversario do fusilamento de Johán Carballeira e os seus "amigos"
Por Redacción |