A ILP en defensa dun Hospital Público e Único de Pontevedra chega ao Parlamento
Por Natalia Puga
A Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) promovida pola Plataforma SOS Sanidade Pública en defensa da creación dun hospital público e único en Pontevedra mediante a ampliación de Montecelo chegará finalmente ao Parlamento de Galicia. Será este martes 23 e os seus promotores esperan que a xornada sexa un "punto de inflexión" para que "despois de tantos anos de loita, nos digan: estamos dacordo coas necesidades sanitarias de Pontevedra".
Nas horas previas a este debate, varios integrantes da plataforma compareceron ante os medios e avanzaron que a ILP defenderaa na Cámara un dos portavoces, Anxo Rincón, e outros nove integrantes estarán presentes, entre os que confían que figure un representante do Concello de Pontevedra.
Anxo Rincón considera que xa o feito de que a ILP chegue ao Parlamento é "unha vitoria para tantos anos de loita", pero, ademais, ten a esperanza de conseguir o apoio de todos os grupos políticos con represntación parlamentaria a unha iniciativa que logrou o apoio de 11.039 firmas de cidadáns pontevedreses.
Teñen claro xa cal será a postura á hora das votacións dos partidos políticos que están implicados no colectivo, pero non do partido no goberno e con maioría parlamentaria, o PP. De todos os xeitos, confían en que os apoien, pois desde que se retomou o proxecto de ampliar Montecelo "hai un nivel de coincidencia importante" entre as demandas de SOS Sanidade Pública e as da Consellería de Sanidade.
"Din que queren que sexa público e que quere facelo rápido", lembran os portavoces da plataforma. Este martes, durante o debate no Parlamento, teñen "unha oportunidade" para que esa declaración de intencións se cumpra e, "que o PP se retracte" despois de anos nos que utilizaron o "xogo de amagar e dar voltas" en relación co "desastre de Monte Carrasco".
Desde a plataforma insisten en que a ILP ten dous puntos fundamentais que para eles son irrenunciables, non só que se cubran as carencias da área sanitaria, senón que se garanta que o actual edificio do Hospital Provincial conserve o uso sanitario e que se garanta que o Gran Montecelo teña financiamento e xestión 100% pública, tanto nos usos sanitarios como nos servizos dispoñibles no Hospital, entre eles, o aparcadoiro, para evitar o que ocorreu no Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Relacionadas:
-
O PP rexeita a iniciativa popular que garantiría por lei un Montecelo 100% público
Por Alejandro Espiño |
-
SOS Sanidade Pública non se fía da Xunta e impulsa a ILP por un Hospital Público e Único
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Lanzan unha Iniciativa Lexislativa Popular para pedir á Xunta investimentos no hospital de Montecelo
Por Oskar Viéitez |