Sabino Torres, novo fillo predilecto de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Xusto un ano despois do seu falecemento, Sabino Torres foi nomeado fillo predilecto de Pontevedra. A concesión, a título póstumo, chegoulle despois de que esta honra fora aprobada pola corporación municipal no pleno celebrado este luns no Teatro Principal de Pontevedra. Non foi por unanimidade, xa que os dous concelleiros de Marea abstivéronse.
O último precedente similar remóntase ao ano 1999, cando a corporación municipal de Pontevedra nomeou a Alexandre Bóveda como fillo adoptivo, un recoñecemento que estivo acompañado pola entrega da medalla de ouro da cidade á súa familia.
O acto oficial no que Sabino Torres será nomeado fillo predilecto celebrarase o próximo mes de xuño, nunha sesión de honras do pleno. Ademais, o Concello ultima unha programación de actos culturais para difundir a figura e o legado do intelectual pontevedrés.
Na xustificación deste nomeamento, o concelleiro Luís Bará destacou a traxectoria de Torres e o seu "compromiso" coa cultura galega e coa cidade de Pontevedra "desde que era moi novo", especialmente desde que, nos anos 40, participaba nos "faladoiros" do Savoy e o Carabela na Pontevedra "gris e opresiva" da época franquista.
Sabino Torres, asegurou o edil do BNG, "mantivo ata o final" a súa paixón, o seu compromiso e a súa implicación coa cultura, "das que fixo partícipe ás xeracións máis novas". Era unha persoa "optimista e entusiasta" que "irradiaba valores, sentimentos e emocións" e que "levou sempre a Pontevedra no corazón e que transmitía "orgullo e paixón" por este concello. Trátase, dixo, dunha figura que "debemos coidar e transmitir".
Pero Luís Rei, aínda que recoñeceu que o editor, xornalista e escritor pontevedrés era unha persoa "animosa, viva e inqueda", entende que esas calidades "adornan" a moitos outros cidadáns que non recibiron esta distinción. O portavoz de Marea criticou que a memoria xustificativa desta honra "debería ofrecer algo máis", xa que nela hai "moitas omisións".
A pesar de que encomiou a influencia cultural de Torres, Rei engadiu que na súa actividade profesional "dedicábase a partillar en cafés", algo que fan, dixo, gran cantidade de pontevedreses e afirmou que "non procede" entrar a valorar a súa faceta política e empresarial.
Esta intervención foi lamentada "profundamente" polo PP e polo BNG. Bará chegou a acusar a Marea de "afear" este nomeamento cunha argumentación "insultante e ofensiva" para a figura de Sabino Torres. "Polo ollo da agulla de Marea caben moi poucas persoas", sinalou.
PERFIL DE SABINO TORRES
Sabino Torres, que faleceu o 23 de maio de 2016 en Madrid aos 92 anos de idade, foi un dos referentes culturais en Pontevedra desde mediados do século XX, grazas á súa faceta como editor, xornalista, poeta e escritor.
Comezou a súa actividade xornalística en Pontevedra no ano 1943 na revista Finisterre con Emilio Canda Pérez e Celso Emilio Ferreiro, pero sen dúbida una das súas máximas contribucións á cultura galega foi a edición a partir de 1949 da colección Benito Soto con Manuel Cuña Novás e Emilio Álvarez Negreira, na que se editaron 17 publicacións.
En 1953 creou semanario Litoral e en 1992 a colección poética Hipocampo Amigo con Emilio Álvarez Negreira e na súa biografía destaca tamén o seu papel protagonista na película La gran truchada, rodada en 1959, en branco e negro e muda, sobre a súa mocidade en Pontevedra xunto aos seus amigos.
A súa traxectoria literaria levouno a ser membro correspondente da Real Academia Galega e permitiulle deixar unha extensa obra tanto en galego como en castelán. A última, editada en 2015 por Galaxia e o Concello de Pontevedra, foi Pontevedra. Laranxeiras e limoeiros.
Cuaderno de Carmen (1949), Ondas do mar comigo (1997), Trovas de Nadal (1999), Xograría nova (2000), Intres de soidade (2001), As tres columnas (2008), Versos para la bella Helenes (2010) y Crónicas dun tempo escondido. Pontevedra 1930-1960 (2014) completan a súa bibliografía.
Relacionadas:
-
RADIO.- A "Mimitos" regresa a Pontevedra... a través da cámara de Manolo Yáñez
Por Marisa Ciordia |
-
"Lembranza dun fillo querido, predilecto, desta cidade que tanto amou"
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
Pontevedra entregará este sábado á familia de Sabino Torres o título de fillo predilecto
Por Redacción |
-
Sabino Torres será nomeado fillo predilecto de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra rende a súa primeira homenaxe ao falecido Sabino Torres
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Falece en Madrid o escritor e editor pontevedrés Sabino Torres
Por Redacción | Creada e actualizada