Fronte política na área sanitaria norte contra os "inxustos" recortes en sanidade
Por Alejandro Espiño
"Que esta manifestación sexa masiva". ÿ a única forma, segundo o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, "de que se poida cambiar as políticas de recortes na sanidade". Foi o chamamento que realizou este martes como portavoz da fronte política que apoia a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para o xoves 21 de marzo en Pontevedra, en defensa do carácter público, gratuito e universal da sanidade.
Xunto a Fernández Lores, apoian esta mobilización cidadá os alcaldes de Bueu, Vilaboa, A Illa de Arousa, Caldas de Reis e Poio, Félix Juncal, José Luís Poceiro, Manuel Vázquez, Juan Manuel Rey e Luciano Sobral respectivamente, así como os portavoces municipais de PSOE e BNG en Vilagarcía, Marín, Sanxenxo ou Vilanova de Arousa. Todos eles mantiveron un encontro coa prensa en Pontevedra.
Apoian esta manifestación ao crer que "o único que entende este Goberno é a resposta contundente da cidadanía que logre inhabilitar as medidas inxustas que está tomando", dixo Miguel Fernández Lores, quen apelou ao sentido de responsabilidade dos cidadáns ante a perda de dereitos sociais "porque cando se perden é moi difícil volver a recuperalos". Por iso é polo que insistise en que "ou se para esta deriva ou non haberá volta atrás".
Este "deterioro planificado" da sanidade pública con vistas á súa privatización foi destacado tamén polo alcalde de Poio, Luciano Sobral, quen denunciou que se pretende "pagar cos nosos impostos a sanidade privada", o que nos levaría, dixo, a recuperar "aquela beneficencia que había nos anos 70 na que se atendía a xente que non tiña recursos". Este proceso "só se pode combater, desde o punto de vista democrático, desde a rúa".
Neste sentido, o rexedor da Illa de Arousa, Manuel Vázquez, lamentou que detrás dos recortes aprobados en materias "tan sensibles" como a educación ou a sanidade haxa unha "base ideolóxica clara", xa que considera que se está utilizando a crise "para privatizar todo o público". Trátase dunha tendencia, sinalou, "que tamén se ve na reforma de administración local que quere facer o Goberno". Ante iso, apuntou, "non debemos quedar calados".