Aparece un tiburón de 135 centímetros na praia da Lanzada
Por Redacción
O corpo dun tiburón de 135 centímetros aparecía nas últimas horas na praia da Lanzada, enganchado a uns palangres. Trátase dunha negra (Dalatias licha), que en Galicia coñécese como gata. É unha especie que vive en augas profundas e que se atopa en perigo de extinción.
Toño Maño, amante destes animais, autor do blogue Tiburones en Galicia, explica que este escualo viven no noiro da plataforma continental, sobre todo a partir de profundidades de 200 metros ata os 1.800 metros.
O problema desta especie, como todos os de augas profundas, atópase na baixa taxa reprodutiva, xa que adoitan parir poucas crías tras un longo período de xestación. Por este motivo, son extremadamente vulnerables á sobrepesca e capturábaselle principalmente polo valor do aceite do seu fígado.
Aliméntanse de peixes de augas profundas e pode chegar a actuar como un ectoparásito abalanzándose sobre presas máis grandes como golfiños ou baleas.
O método que emprega céntrase en pegarse á pel da súa vítima como unha ventosa grazas aos seus beizos carnosos e cos dentes inferiores é capaz de cortar e arrincar un pedazo de carne, deixando feridas en forma de cráter, moi dolorosas, indica Toño Maño.
Con todo, esta especie non é perigosa para os bañistas. "A xente pode meterse na auga tranquila, xa que dificilmente van toparse con este tiburón", indica o especialista en escualos.
O achado deste exemplar na Lanzada foi comunicado á Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), a ONG que se ocupa da investigación destes casos.
Relacionadas:
-
Unha balea e dous golfiños mortos aparecen nas praias da Lanzada e Bascuas
Por Manu Otero |
-
VÍDEO.- Atopan unha nova balea azul nas proximidades da ría de Arousa
Por Redacción |
-
A tartaruga Beo retorna ao mar despois de recuperarse no acuario do Grove
Por Redacción |
-
Localizan unha balea fronte á ría de Arousa coa cabeza atrapada nunha rede
Por Oskar Viéitez |
-
Atopan unha cría de quenlla na praia do Santo en Marín
Por Redacción |