Os traballadores de CESPA van concentrarse o 6 de abril ante a ruptura da negociación do convenio
Por Redacción
Os representantes dos traballadores en CESPA, a empresa encargada do servizo de limpeza en Pontevedra, xa puxeron en marcha a maquinaria para iniciar actos de protesta ante a ruptura das negociacións do convenio colectivo o pasado 14 de marzo.
Por este motivo, según fontes relacionadas coa parte social, xa convocaron unha concentración dos traballadores para o sábado 6 de abril ante as oficinas que a empresa ten na rúa Andrés Muruais e estudarán próximos actos de protesta para forzar o reestablecemento das negociacións con mellores condicións por parte da patronal. Polo momento, os sindicatos non contemplan a posibilidade de convocar unha folga porque queren esgotar outras vías antes de tomar unha decisión tan drástica.
A última folga realizada polos traballadores do servizo de limpeza remóntase ao ano 2009 cando foi despedido un traballador. Finalmente, a empresa decidiu readmitilo en Poio e o comité deu por rematado o paro.