Marcón celebra 25 anos de orgullo educativo no seu colexio
Por Redacción
O CEIP de Marcón celebraba este 17 de maio os seus 25 anos de historia cunha festa na que participaron decenas de veciños da parroquia pontevedresa. O centro foi durante este cuarto de século todo un referente tanto no terreo educativo como no ámbito social da comunidade veciñal.
A xornada deste mércores converteuse nunha festividade de convivencia de toda a comunidade educativa que pasou polo centro, desde profesores a alumnos pasando por familiares que quixeron celebrar as vodas de prata do centro.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asistía aos actos acompañado polo que foi un antigo director do centro, Juan José Gestal e polo secretario da ANPA, Óscar Coto. Fernández Lores mostrou o seu orgullo pola traxectoria deste centro e avanzou que o seu neto, cuxo nacemento está previsto para este verán, estudará tamén neste colexio.
Os visitantes puideron ver a exposición fotográfica, elaborada por Juan José Gestal, que recolle a historia do colexio desde outubro de 1991, cando foi inaugurado. Ademais puideron participar dunha comida e de xogos populares. A ANPA regalou ao centro unha figura de Sargadelos coa imaxe de Castelao.