Comezan os traballos para acondicionar o xacemento da Lanzada
Por Redacción
O equipo de arqueoloxía da Deputación de Pontevedra comeza este martes as labores de acondicionamento no xacemento da Lanzada.
Dezasete persoas, entre persoal de arqueoloxía, restauración e auxiliares, traballarán en torno a catro meses nunha intervención no xacemento para consolidar as numerosas estruturas localizadas durante a fase de escavación arqueolóxica desenvolvida durante o segundo semestre do ano 2016 e xaneiro de 2017.
Estes traballos realizaranse nos 970 metros cadrados da escavación e son previos ao inicio da parte de consolidación, musealización e posta en valor dos castros da provincia mediante o convenio que A Deputación mantén co Ministerio de Fomento.
Máis polo miúdo, realizaranse labores de limpeza, tapado, realización de drenaxes, restitucións e recreacións para facilitar a comprensión deste xacemento no que se rexistraron ata cinco niveis de ocupación e que converten á Lanzada nun centro arqueolóxico de grande complexidade.
Unha das actuacións máis ambiciosas que se realizarán consiste na recreación da factoría de salgado. Esta factoría supuxo un dos grandes achados do xacemento xa que estamos a falar da primeira da súa categoría no noroeste peninsular. Amais, trátase dunha factoría de orixe prerromana, cando ata o momento este tipo de instalacións eran de orixe romana, con 29 piletas para salgar o peixe e conservar alimentos, unha cifra moi superior ás achadas noutras factorías que contaban, de media, con entre 8 e 10 depósitos.
Unha vez que se conclúan as labores que se inician este martes, a preservación da zona escavada quedará garantida, permitindo o seu goce como produto patrimonial e turístico por parte dos visitantes, e facendo da Lanzada un xacemento de referencia no ámbito nacional.
Dende o pasado verán e ata xaneiro de 2017 a Deputación de Pontevedra realizou unha intervención arqueolóxica na Lanzada que sacou á luz ata 17 esqueletos, 14 de nenos datados entre os século IDC e IIDC, e máis de 15.000 pezas, entre as que destaca o gran volume de “terra sigillata” (cerámica de luxo romana) e 358 metais entre os que destaca unha espada de 33 centímetros pertencente aos séculos VIII e/ou IV AC.
Todos os achados atopados no xacemento da Lanzada puxeron de manifesto que xa 600 anos antes da chegada dos romanos se realizaban intercambios comerciais de envergadura con Italia, Tunisia ou Palestina desde esta zona do Salnés.
Relacionadas:
-
O remate dos traballos no xacemento da Lanzada dá paso aos do Monte do Castro
Por Redacción |
-
Atopan restos de peixe de hai 1.700 anos no xacemento romano de Adro Vello
Por Redacción |
-
A Lanzada proba que 600 anos antes dos romanos "xa éramos unha civilización avanzada"
Por Alejandro Espiño |
-
Os arqueólogos atopan na Lanzada os restos doutro menor
Por Redacción |
-
Localizan pezas de cerámica de luxo no castro da Lanzada
Por Redacción |
-
Os bebés achados no castro da Lanzada están datados entre os séculos I e III despois de Cristo
Por Oskar Viéitez |
-
Achan un puñal nas excavacións da Lanzada
Por Redacción |
-
Cornelia é do século V, Miami confirmouno
Por Oskar Viéitez |