Inspección de Traballo media esta tarde entre patronal e sindicatos para evitar a folga da alimentación
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
Durante este mediodía do 19 de marzo, ao redor de trinta representantes sindicais de CC.OO., CIG e UGT concentráronse ante as portas do centro de HiperFroiz en Santa Clara dentro das medidas de protesta que están a levar a cabo para reclamar un convenio colectivo. Para o luns 25 de Semana Santa está convocado o inicio dunha folga nos centros de alimentación que están suxeitos a este convenio e que continuaría os días 26,27, 28 e 30. Os supermercados máis coñecidos son Froiz e Gadisa.
Segundo os representantes sindicais, o temor á folga levou a patronal a solicitar a mediación da Inspección de Traballo que convocou ás dúas partes a unha reunión a partir das cinco da tarde en Vigo. Carlos Esperón, de UGT, confía en que se poida producir algún avance na negociación: "Hoxe partimos de que é a patronal quen solicita a mediación e por iso entendemos que ten que haber un movemento importante por parte deles".
Os sindicalistas agardan que a presenza do Xefe de Inspección de Traballo, José María Casas de Ron, axude a desencistar un conflito que, segundo apuntan, a patronal non quixo resolver ata o momento. Neste sentido, Carlos Esperón aludía a que se está a intentar coaccionar os traballadores para que non secunden a folga repartindo información nas empresas "con datos que non son totalmente certos".
Aseguran que "se está trasladando confusión e incerteza aos traballadores tras comprobar que as asembleas rexeitan as propostas de convenio colectivo por parte da patronal".
Os sindicatos afirman que unha das empresas que máis sufriría a convocatoria de folga sería Froiz porque se se paraliza o seu centro loxístico en Poio quedarían sen abastecemento numerosos supermercados situados en distintas comunidades do centro de España. E mesmo afirman que sería pésimo para a súa imaxe non ter actividade mentres outros centros con convenio si estarían abertos.