Contratan dous canteiros pontevedreses para a restauración do edificio do Capitolio, en Washington
Por Oskar Viéitez
A partir do día 1 de xuño, dous canteiros pontevedreses, Francisco Castro Freijó (Poio) e Manuel Rial Pérez (Meaño), empezarán a traballar nas obras de restauración do edificio do Capitolio en Washington.
"É unha oportunidade moi importante", valorou Manuel Rial. O traballo consistirá na restauración de capiteis e ornamentación en mármore, granito e calcaria, "cando cheguemos alí explicarannos moito máis", comentou Francisco Castro. Para iso contan cun visado de traballo por tres anos.
O Capitolio é o edificio que alberga as dúas cámaras do Congreso dos Estados Unidos: o Senado e a cámara de Representantes. Atópase en Washington D.C., a capital do país. Foi inaugurado en 1800 e é un exemplo do neoclasicismo arquitectónico estadounidense.
Por agora non se manexan en inglés. "Como eles non aprendan a falar español...", chancearon.
Ambos se estableceron como autónomos unha vez que acabaron os seus estudos e a oferta de traballo chegoulles desde o centro onde aprenderon o oficio, a Escola de Cantería dependente da Deputación de Pontevedra, coa que contactou a empresa estadounidense encargada das obras Lordton Stone cuxos propietarios son orixinarios de Soutelo de Montes. Así que foi "unha lotería poder traballar alí", comentou Manuel Rial.
Tras manter un encontro con Francisco Castro e Manuel Rial, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mostrou o "orgullo" que senten nesta administración ante a contratación de dous dos alumnos da Escola de Cantería para traballar no Capitolio, o que supón unha "mostra da calidade da formación" que se imparte neste centro e da dos seus alumnos "verdadeiros artistas da pedra".
Respecto da empresa Lordton Stone, Carmela Silva sinalou a necesidade de "establecer un contacto permanente" con todos estes galegos que son "embaixadores da nosa terra" e que permitiría impulsar proxectos "onde poderiamos estar ben situados".
Carmela Silva tamén resaltou outra mostra do nivel de formación desta escola situada no concello de Poio como é que outros alumnos foron contratados para traballar en monumentos tan importantes como a Catedral de Santiago de Compostela ou na da Sagrada Familia, en Barcelona, entre outros.
Carmela Silva aproveitou a ocasión para pedir ao resto das administracións que "entre todos poñamos en valor esta profesión que deixou en toda Europa obras en pedra que falan da nosa historia". A presidenta da Deputación cre que este recoñecemento ten que ir máis aló e que a cantería debería ser declarada Patrimonio inmaterial da Humanidade "dígoo moi en serio", afirmou.
Como anécdota a presidenta da Deputación de Pontevedra regalou aos dous canteiros unhas camisetas nas que se le "artistas de la piedra" para que as luzan durante o seu traballo "e quiten unha foto para que teñamos unha representación gráfica deste fito".
Relacionadas:
-
Impulsan unha campaña de posta en valor da Escola de Cantería de Pontevedra
Por Redacción |
-
Dous canteiros de Pontevedra xa traballan na restauración do Capitolio de Washington
Por Redacción |
-
Selo pontevedrés para o parque de Angrois en lembranza do accidente do Alvia
Por Natalia Puga |
-
Homenaxe a Rafael Fontoira, ao canteiro maior
Por Redacción |
-
A Escola de Canteiros instala o cruceiro de homenaxe a Garda Civil de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Deputación pedirá á Xunta a homologación oficial do título da Escola de Canteiros
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |