Pontevedra é "muy importante" para o PP, segundo Pablo Casado, por ser "la ciudad de nuestro presidente"
Pontevedra é unha cidade "maravillosa", segundo destacou o vicesecretario de Comunicación do PP, Pablo Casado, á que afirmou que volverá "muy pronto " para celebrar unha vitoria electoral que devolva a Alcaldía aos populares tras vinte anos de goberno do BNG. Así o destacou no paseo que deu este venres pola Boa Vila.
"He venido muchas veces", explicou durante un percorrido que incluíu unha visita á praza de abastos de Pontevedra, acompañado entre outros polo secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, e o portavoz municipal dos populares, Jacobo Moreira.
Casado indicou que "he venido a ver cómo está y ver cómo podría estar". Destacou que o PP conta cun "gran equipo" no concello que está a realizar unha oposición "fundamental" que representa a mesma aposta que o goberno galego, con "políticas eficaces" para que haxa crecemento económico "y eso se traduzca en empleo".
O dirixente popular aconsellou a Pontevedra que traballe para "atraer turismo e industria", pero sen descoidar o sector primario. Todo iso, dixo, "redunda en el bienestar de la gente". Niso, en materia social, Galicia é "un referente en toda España".
Pablo Casado adiantou que o PP "ya está en marcha" para preparar as eleccións municipais de 2019, unha cita coas urnas que considera "fundamentales" para os españois, para tentar cambiar os gobernos nos concellos "que no están funcionando" e se aposte polas políticas "adecuadas" que demanda a cidadanía.
Neste obxectivo, dixo, Pontevedra é unha cidade "importante" para o PP, xa que é "la del presidente Rajoy". Por iso é polo que haxa que buscar, dixo, un "equipo para ganar" de forma que sexa unha "referencia" para un Partido Popular "en el que Galicia ha sido tan importante".
Iso si, Casado non quixo pronunciarse sobre a posible continuidade de Jacobo Moreira á fronte dos populares en Pontevedra porque o partido, a nivel nacional, "no tenemos que decidir las candidaturas", senón que iso corresponde á dirección rexional.
Moreira está a realizar, en todo caso, "una gran labor como portavoz" e conta cun equipo de persoas "preparadas y con experiencia" que están "respondiendo" ás inquietudes dos veciños.