As redes sociais son unha "gran oportunidade" para a lingua galega
Por Oskar Viéitez
O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, defendeu que as redes sociais son unha "gran oportunidade" para a lingua galega.
Valentín García argumentou esta tese no acto inaugural da terceira Xornada do Día das Redes Galegas - Social Media Day, que organiza a área de normalización lingüística da Universidade de Vigo en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, e que teñen por obxectivo profundar na súa importancia e nos cambios que están a provocar no sector da comunicación.
O secretario xeral de Política Lingüística destacou que "aínda que o galego e outras linguas minoritarias en Europa chegaron tarde a moitas citas", hai unha á que chegou "en igualdade de condicións" que é internet, "onde está desde o primeiro día" e onde, "ten que competir con grandes sistemas de comunicación".
Na apertura destas xornadas, desenvolvidas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra, Paulo Cabral, director da área de normalización lingüística da Universidade de Vigo puxo énfase na "oportunidade" que estas plataformas supoñen á hora de "estender o uso da lingua a todos os ámbitos", así como de "configurar a imaxe que os demais teñan de nós, sexa individualmente, sexa como pobo".
Nese mesmo sentido, o decano, Xosé Baamonde, destacou que "temos a responsabilidade de decidir que queremos facer co galego, se queremos unha lingua ritual ou unha lingua viva", decisión que, apuntou, correspóndelle ás novas xeracións.
Nesta xornada tamén participaron María Pérez Xusto, client account manager en Twitter España; Marcos Gómez, responsable de outbound marketing de Elogia; Arancha Vilas, coordinadora de marketing e comunicación de Elephone Spain, e Cristina Rey, responsable de Comunicación Dixital en Mekkdes.
Tanto os coloquios, como a posterior mesa de debate, deron pé á súa vez a un segundo debate na rede, a través do hastag #redesgalegas.