A Xunta rexeita o PXOM de Vilaboa e trasládalle as deficiencias que debe corrixir
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio non aproba o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vilaboa e detecta unha serie de deficiencias que se deben corrixir antes de recibir o visto e prace definitivo.
A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, informou aos responsables do Concello de Vilaboa de que este xoves se emitiu unha orde coa decisión de non outorgar a aprobación definitiva, segundo informou a Xunta a través dun comunicado.
A Xunta detalla unha serie de erros en relación cos tipos de solo. Afectan ás delimitacións dos mesmos que provocan fusións entre asentamentos ou resultan forzadas nalgúns casos. Ademais, considera que non se xustifica a clasificación de varios sectores industriais, que non están recollidos no Plan Sectorial de Áreas Empresariais.
Segundo lle trasladou Encarnación Rivas aos responsables municipais, o documento do novo PXOM tamén deberá aclarar sobre que terreos se levarán a cabo as futuras ampliacións dos cemiterios de Santa Cristina e San Adrián, entre outras cuestións.
A pesares de non autorizar o documento, a directora xeral de Ordenación do Territorio trasladou a "total e absoluta" colaboración dos responsables e técnicos do departamento que dirixe para axudar aos redactores e responsables municipais na redacción do PXOM coa finalidade de lograr "canto antes" a súa aprobación definitiva e poñer fin ás normas subsidiarias polas que se rexe o Concello desde 1988.
Relacionadas:
-
Reclaman ante a Xunta axilidade na tramitación do PXOM de Vilaboa
Por Redacción |
-
Veciños de Vilaboa reclaman a aprobación do PXOM
Por Redacción |
-
Os afectados polo PXOM de Vilaboa esixen ao Concello e á Xunta "que non demoren máis a tramitación"
Por Oskar Viéitez |
-
Postemirón e A Graña reclaman a urxente tramitación do Plan Xeral para legalizar as súas casas
Por Oskar Viéitez |
-
Técnicos autonómicos asesorarán ao Concello de Vilaboa na regularización dos núcleos costeiros
Por Redacción |