Lisboa déixase seducir polas Rías Baixas
Por Redacción
O Centro Galego de Lisboa foi o lugar escollido pola Deputación de Pontevedra para presentar a oferta turística das Rías Baixas, un evento que se celebrou no marco da campaña Moito por descubrir.
Operadores turísticos lusos e representantes da sociedade lisboeta acudiron a este palacete do século XIX para achegarse ás Rías Baixas.
Na presentación, Carmela Silva subliñou a emoción e o agradecemento que sentía por estar nun centro galego "que é un pequeno anaco que deixaron os que emigraron de todos nós". Os galegos, recordou, en Portugal "nos sentimos na nosa casa aínda que as fronteiras políticas moitas veces nos alonxaron".
A presidenta destacou que compartimos con Portugal moitas cousas "pola nosa cercanía ao Océano Atlántico" polo que é un "enorme orgullo" estar nesta cidade que é unha das mellores de Europa e "pola que moitos galegos nos sentimos moi atraídos" e "nos sentimos encantados de mostrarlles aquí o noso destino turístico, Rías Baixas".
No acto, os asistentes coñeceron os tres activos "moi poderosos" da campaña de promoción das Rías Baixas: os Festivais Rías Baixas, como referencia cultural e musical xa consolidada e cunha enorme proxección; os seis camiños de Santiago que cruzan a provincia, "nos que podemos ver moito do que podemos mostrar ao mundo nas Rías Baixas"; e a cultura do viño.
Todo elo, dixo Carmela Silva, a menos de 50 minutos coa nova enlace aérea diaria da TAP entre Vigo e Lisboa. Precisamente Paulo Salles, da compañía aérea lusa, destacou a aposta da TAP por Galicia "pola gran atracción desta rexión para o mercado luso. Seguimos apostando polo potencial das viaxes entre ambas comunidades e mostrar a riqueza de ambos países".
A presidenta sinalou que as Rías Baixas son mar, terra, gastronomía, patrimonio, historia, flora, fauna, praias, cultura, termalismo e viño, entre outros moitos atractivos, "as Rías Baixas son todo isto e moitísimo máis, como dixen. Explicalo nos leva moito tempo. O mellor é velas e vivilas. Convidamos a todo o mundo a vir coñecelas".
A presentación no Centro Galego de Lisboa concluíu cunha degustación de produtos da provincia de Pontevedra baseada nas propostas do festival VigoSeaFest, que organiza a Cooperativa de Armadores de Vigo, para a promoción de peixes pouco coñecidos a cargo do chef Adrián Albino do restaurante Niño Corvo.
Tamén os presentes puideron desgustar viños da adega Quinteiro da Cruz, preparados de conservas Os Peperetes, galletas Albariñas e queixos de Dona Cobiña e as marmeladas de Amorodo, dúas empresas da comarca do Deza.
Relacionadas:
-
Os viños Rías Baixas conquistan Cidade de México
Por Redacción |
-
Música, cor e gastronomía enchen o Atlántico Express entre Vigo e Porto
Por Redacción |
-
A campaña da Deputación do certificado de calidade turística Sicted acada un centenar de novas adhesións
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación e o Instituto Cervantes de Lisboa abren liñas de colaboración
Por Redacción |
-
As Rías Baixas amosan o seu potencial turístico en Madrid
Por Redacción |
-
"Moito por descubrir" nunhas Rías Baixas nas que "témolo todo, así que saiamos a contalo"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |