Cuntis pídelle á Xunta acelerar a apertura do centro de día
Por Redacción
Que o centro de día poida abrir canto antes. Foi unha das principais demandas que lle trasladou o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, ao delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, no encontro que ambos mantiveron este martes.
O alcalde solicitou que responsables da Consellería de Política Social visiten proximamente o centro de día do municipio co obxectivo de que se poida iniciar a tramitación para a posta en marcha deste servizo.
O rexedor destacou que as conexións de abastecemento e de saneamento están practicamente rematadas, polo que o delegado territorial comprometeuse a dar traslado da súa solicitude aos responsables da consellería.
En relación á melloras sociais do municipio, José Manuel Cores Tourís, pola súa banda, informou a Manuel Campos de que xa se está a redactar o proxecto para a mellora e reforma do centro de xubilados do municipio que conta cun orzamento de 40.000 euros.
Manuel Campos tamén solicitou a posta en marcha dun convenio de colaboración con Augas de Galicia de cara a continuar coas labores de limpeza do río Gallo, xa que aínda que se levaron a cabo traballos de mellora en diversos puntos do río, a zona máis urbana tamén necesitaría roza e coidado.
A este respecto, o delegado territorial asegurou que se podería chegar a un acordo para que a administración autonómica describira a execución dos traballos a realizar e que estes foran levados a cabo por persoal contratado polo concello.
O alcalde tamén quixo coñecer a situación das concentracións das parcelarias de Troáns I e II, ambas en bases definitivas, e que contan con 729 e 465 propietarios respectivamente. Para 2017, explicou Cores Tourís, agárdase investir nelas 156.000 euros, que permitirían colocar marcos e redactar os proxectos de camiños secundarios e acondicionamento de predios.