Dúas menores ratifican na Audiencia que o ex noivo da súa nai abusou delas desde os 8 anos
Por Natalia Puga
Dúas menores de Poio ratificaron este martes ante a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra que durante anos, desde que tiñan oito, o ex noivo da súa nai abusou sexualmente delas tanto na casa familiar como nun piso del en Pontevedra, nun garaxe e en propiedades nas que el traballaba.
As nenas xa o denunciaban ante a Garda Civil e no xulgado instrutor e este martes mantivéronse na súa acusación e mesmo a ampliaron no xuízo que se segue contra o home por dous delitos continuados de abusos sexuais. Este xoves 11 retomarase coas declaracións de catro testemuñas e as probas periciais.
O home, natural de Redondela, mantivo a súa inocencia e defendeuse de todas as acusacións formuladas, polas que a Fiscalía pide que sexa condenado a doce anos de prisión e á prohibición de aproximarse e comunicarse coas menores durante o mesmo período. O fiscal pide tamén que se adopte a medida de liberdade vixiada, consistente na prohibición de aproximarse e comunicarse coas menores por un período de sete anos, e que indemnice a cada unha das menores con 6.000 euros.
O acusado mantivo que non someteu ás nenas aos tocamentos que elas sosteñen e que, de feito, tan só lles daba bicos na cara como parte dunha relación normal no que el actuaba como o seu pai e as coidaba. Durante o tempo que durou a convivencia coa súa nai na súa casa de Poio el encargábase de recollelas no colexio e de coidalas tanto a elas como aos seus tres irmáns varóns, todos fillos da súa ex parella.
O home negou que levase ás nenas ao piso de Pontevedra ao que se foi a vivir tras deixar a relación coa nai das nenas. Seguiu véndose con ela e compráballes agasallos, pero nega calquera tipo de comportamento libidinoso. As nenas, con todo, durante a súa declaración na sala detallaron as características desa vivenda achegando todo tipo de datos sobre a súa distribución ou mesmo a cor do sofá.
Ambas seguen sendo menores de idade e este xoves declararon protexidas por un biombo na Audiencia. A máis pequena sinalou que todo empezou o día do seu oitavo aniversario. Ao principio, tan só a agarraba das mans e dáballe bicos na boca, pero "cada vez iba a peor" e empezou a espila, a sometela a todo tipo de tocamentos e a obrigala a ela a que otocase a el.
Segundo o relato, ocorreu cando quedaban sós en casa ou no garaxe e el "decía que todo era un juego, que no se lo podía contar a nadie". Ela acabou contándollo á orientadora do seu colexio despois de ver unha noticia na televisión dun caso de abusos dun padrasto á súa fillastra. Tras iso, do colexio alertaron á súa nai, que este martes sostivo na sala que non sabía nada do que ocorrera durante os anos anteriores. Ela denunciou os feitos na Garda Civil.
A outra suposta vítima é maior que a súa irmá e relatou que no seu caso todo empezou tamén cando tiña oito anos, de modo que durou máis tempo. Como no caso da súa irmá, el empezou sendo moi cariñoso e dándolle bicos e aos poucos foi a máis e abusaba dela "siempre que no había nadie en casa", cando "tenía la oportunidad". A última vez foi "la más violenta", pero nunca chegou a producirse unha agresión sexual.
Tanto as menores como o seu irmán maior indicaron que o acusado adoitaba andar espido pola casa e entrar no baño cando estaban as nenas. Ademais, sinalaron que, cando había xente diante "era el mejor padre del mundo", pero "después cambiaba totalmente". Ambas o consideraban un pai porque "vi en él al padre que nunca tuve, es el padre que conocí", xa que a súa nai separouse do proxenitor biolóxico cando elas eran moi pequenas, pero tamén recoñecen que non era así cos seus irmáns varóns, cos que era moi autoritario. Un deles "aprendió las tablas a bofetadas".
Relacionadas:
-
Condenado a 12 anos de prisión por abusar das dúas fillas menores da súa ex desde que tiñan oito anos
Por Natalia Puga |
-
Os peritos ven "altamente crible" a acusación de dúas menores contra o ex da súa nai por abusos
Por Natalia Puga |
-
Piden 12 anos de prisión para un veciño de Pontevedra por abusar sexualmente das dúas fillas menores da súa parella
Por Oskar Viéitez |