A Pedalada percorre a cidade reclamando que remate a violencia viaria
Por Diego Torrado
Centos de persoas percorreron os oito quilómetros do traxecto establecido para a Pedalada 2017, a marcha familiar para todas as idades que se organiza en Pontevedra para sensibilizar sobre a necesidade de eliminar a violencia viaria e establecer o respecto na utilización dos diferentes vehículos de transporte.
A ruta recreativa partía ás 11.00 horas da avenida Montero Ríos coa presenza de familias enteiras, que nas súas bicicletas realizaron o paseo por diferentes puntos da cidade.
A asociación Pedaladas pretende con esta actividade concienciar á cidadanía sobre a necesidade de mostrar os beneficios da mobilidade ciclista e aprender a convivir en espazos urbanos e nas estradas. O desenvolvemento desta iniciativa obrigou ao tráfico motorizado a esperar naqueles puntos onde se cruzaban co pelotón, que realizaba o percorrido escoltado pola Policía Local e por unha ambulancia.
Por outra banda, as asociacións Pedaladas e Amencer-Aspace teñen en marcha unha campaña de captación de fondos co obxectivo de comprar unha bicicleta co-pilot para o uso de persoas con discapacidade. O custo ascende a 6.000 euros.
Os dous colectivos organizan percorridos todos os luns, de 16.30 a 18.30 horas, pola urbanización de Campolongo con voluntarios que axudan ás persoas con discapacidade a utilizar e gozar das bicis.