Impulsan un proxecto para recuperar e poñer en valor as augas medicinais da Freixa
Por Redacción
Cerdedo-Cotobade quere poñer en valor o enclave da Freixa, en Dorna (Santa María de Sacos). Trátase dunha zona de augas termais con grandes propiedades para a saúde, segundo o Concello, moi similar á dos Baños de San Xusto.
O goberno local, que era coñecedor da existencia destas augas saudables, viña meditando hai tempo a posibilidade de apostar pola rehabilitación e recuperación desta contorna e das súas augas e por iso acaba de encargar a redacción do proxecto técnico de posta en valor das augas da Freixa á arquitecta Cristina García Fontán.
O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, cre que este proxecto é de gran importancia para a creación doutro novo atractivo turístico no municipio, xa que ademais integraríase nunha actuación global centrada no termalismo, a saúde e o medio ambiente "que nos convertería nunha referencia neste ámbito en Galicia".
Esta actuación será complementaria á dos Baños de San Xusto e, segundo Cubela, se retroalimentaría de persoas interesadas polo termalismo, polo que amosouse confiado en que poidan saír adiante a medio prazo.
Os terreos afectados polos Baños de San Xusto acaban de inscribirse no inventario municipal tras afrontar un expediente de investigación da titularidade e agora agárdase o apoio da Xunta en canto ao financiamento para a súa rehabilitación.
Paralelamente, preténdese arrancar co proxecto das augas da Freixa para que ambos avancen de xeito similar e conformen un eixo turístico encamiñado á creación de riqueza e emprego no municipio.