O mercado de Pontevedra "degusta Europa" da man do Carlos Oroza
Por Alejandro Espiño
Os clientes que acudiron este venres á praza de abastos de Pontevedra levaron unha suculenta sorpresa. Os alumnos do Carlos Oroza convidáronlles a saborear a exquisita gastronomía do Camiño de Santiago. Tratábase dunha actividade do programa "Degusta Europa", impulsada pola Deputación de Pontevedra.
Fritos do camiño con salsa mariñeira ao estragón (pescadiños, mexillón, buñuelo de bacallau portugués, patacas e salsa mariñeira ao estragón), arroz caldoso de mariscos (arroz, mexillón, berberechos e pescadiños) e ensalada de xarda marinada (xarda, leituga, tomate e vinagreta) foron as propostas que se ofreceron nesta xornada.
Ademais, tamén houbo cócteles coas Herbas do Camiño (aguardante de herbas, cordial de lila, xarope de rosas do Camiño Portugués, viño albariño e sopa de sabugueiro) e un batido verde do mercado (grelos, mazá, plátano, leite de arroz e mel).
Todos os produtos empregados foron adquiridos no propio mercado de abastos.
A campaña harmoniza os produtos de proximidade e trata de recuperar a imaxe dos mercados da provincia, converténdoos nun atractivo para aqueles camiñantes que percorren as distintas variantes dos camiños de Santiago.
A deputada Montse Magallanes subliñou que o traballo dos alumnos do Carlos Oroza permitiu mostrar que "cos nosos produtos do mar e da terra podemos facer unhas preparacións que nalgúns casos parecían inimaxinables".
Trátase da segunda edición deste programa, que conxuga a recuperación dos mercados municipais coa gastronomía e, nesta ocasión, facendo un percorrido por aquelas vilas que son atravesadas polos camiños que nos trasladan a Compostela.
Degusta Europa, que o pasado ano repartiu arredor de 10.000 tapas en diferentes mercados da provincia, chegará tamén ao mercado do Grove o próximo xoves 11 de maio.
Relacionadas:
-
Alumnado do Carlos Oroza leva á praza da Pedreira a súa 'cociña viaxeira'
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A campaña da Deputación do certificado de calidade turística Sicted acada un centenar de novas adhesións
Por Oskar Viéitez |
-
Exhibición do Carlos Oroza ante a blogueiros e xornalistas gastronómicos
Por Redacción |
-
Alumnos do Carlos Oroza amosarán en Pontevedra e O Grove a gastronomía dos camiños xacobeos
Por Redacción |
-
A Praza de Abastos de Bueu promociona os seus produtos ‘á europea’
Por Redacción |
-
Receitas gregas, italianas e inglesas pero cos produtos de casa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |