Anova Terra culpa a Xunta de deixar que Ence marque a política forestal espallando o eucalipto
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Anova Terra está a promover a inclusión do eucalipto no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras do Estado e tamén da Unión Europea. Para levar a cabo mocións en diversos concellos que xa foron aprobadas polos plenos de Bueu, Poio e Vilagarcía, entre outros municipios.
Con esta iniciativa búscase o apoio a unha declaración de "menos eucalipto e máis biodiversidade", co obxectivo de que esta especie arbórea non se siga espallando por Galicia. Claudio Quintillán, acompañado da eurodeputada Lida Senra e Antón Costa, durante a mañá deste venres, sinalaba que unha cuarta parte dos terreos forestais de Galicia atópanse ocupados por eucalipto, en total 450 mil hectáreas. En Pontevedra esta situación detéctase xa en 85 mil hectáreas puras con plantacións de eucalipto.
Quintillán indicou que se está incumprindo a lei ao plantarse eucaliptos en terras agrícolas e sinala que en Portugal este tipo de actuación atópase prohibida e procédese a arrincar estas especies. Desde Anova Terra piden o mesmo para Galicia, sobre todo porque afirman que o eucalipto é unha árbore pirófito, que se atopa directamente ligado aos incendios, e que consome moitísima auga.
Antón Costa engade que en tempos de seca, como os actuais, estas especies causan un importante dano á biodiversidade dos montes galegos e provocan a desertización. Lidia Senra apuntaba a que se están estendendo de forma que afectan o patrimonio rupestre e son unha ameaza para moitas vivendas que se atopan próximas a plantacións co perigo de que se vexan afectadas en caso de incendio.
Consideran que a Xunta de Galicia permite a Ence que marque a política forestal da comunidade autonóma e alertan de que numerosas comunidades de montes están a darse conta agora de que tras tres cortas a árbore deixa de ser produtivo económico con plantacións de eucaliptos, pero o monte xa é dificilmente recuperable.
Ante esta situación, Senra insitiiu en que o Goberno español debe apoiar, entre outros puntos, que o eucalipto entre no Catálogo de especies invasoras do Consello de Europa ao mesmo tempo que reclama a paralización das novas plantacións. Pide a eliminación desta especie nun prazo de cinco anos das terras agrarias ocupadas para recuperar estes terreos e a súa desaparición nun radio de 100 metros dos mananciais e marxes de regachos e ríos.