Barro xa produce o seu propio compost
Por Redacción
Un total de 700 quilos de compost. É o que se acaba de extraer do composteiro comunitario de Barro, situado nas inmediacións do Concello. Foi repartido entre os veciños e reservouse parte deles para fertilizar un xardín na escola infantil que se quere converter en horta.
No acto de entrega estiveron a deputada Eva Vilaverde e o alcalde Xose Manuel Fernández Abraldes, que salientaron a importante colaboración e concienciación veciñal á hora de separar os residuos orgánicos que despois se tratan no composteiro, porque "todo está a funcionar perfectamente".
Tres mestres composteiros foron os encargados de peneirar o produto resultante de tratar unhas 3,6 toneladas de residuos orgánicos, aportados entre setembro e novembro polos veciños de Barro.
Neses meses a materia orgánica que os cidadáns deixaron no composteiro foi pasando o proceso para convertirse en compost, pasando unha primeira fase de descomposición e logo de maduración ata chegar ao resultado final. A partir de agora, o composteiro irá producindo mensualmente unha partida.
Unha vez peneirado o compost e empaquetado en sacas e bolsas repartiuse entre os veciños que o solicitaron. Ademais, outra parte será utilizado, segundo explicou Abraldes, nos xardíns municipais e, se a produción o permite e hai compradores interesados, estudarase a posibilidade da súa venda.
O alcalde subliñou que o Concello de Barro, de cara ao futuro, pretende ampliar a compostaxe tanto con novos centros de compostaxe comunitaria -noutras ubicacións en función do interese e demanda-, e tamén con composteiros individuais para aqueles veciños que teñan horta propia e que, por tanto, poden facer compostaxe na súa propia casa.
Relacionadas:
-
A compostaxe tamén é cousa de nenos
Por Oskar Viéitez |
-
Ana Pontón gaba o modelo "único e avanzado" de Pontevedra na xornada de mobilidade e compostaxe
Por Redacción |
-
Mozos de Educación Especial de Príncipe Felipe crean un xardín no composteiro de Barro
Por Redacción |
-
Barro ampliará o composteiro comunitario pola boa acollida que tivo entre a veciñanza
Por Redacción |
-
San Antoniño súmase ao Plan de Compostaxe
Por Redacción |