Pontevedra acollerá o primeiro encontro de estudantes de intercambio de Galicia
Por Redacción
Os próximos 20 e 21 de abril, Pontevedra será o escenario do primeiro grande encontro de estudantes de intercambio en toda Galicia, e parte de rexións veciñas, incluíndo o Norte de Portugal.
O evento está organizado por Erasmus Student Network Vigo, asociación estudantil sen ánimo de lucro que dende 2009 integra e dinamiza á comunidade internacional de estudantes nos tres Campus da Universidade de Vigo. A entidade forma parte da rede europea Erasmus Student Network, dedicada ao mesmo fin dende a súa fundación en 1989, apenas dous anos despois do inicio do programa Erasmus, e que se encontra actualmente presente en 424 Universidades ao longo de 35 países do Espazo Europeo de Educación Superior.
O encontro arrancará cunha visita exclusiva ás Illas Ons como parte dun cruceiro pola ría de Pontevedra. Continuará á noite por un circuíto de locais de ocio na cidade do Lérez. O domingo dedicarase a facelos coñecer o patrimonio artístico e cultural da cidade, a través de visitas guiadas polo centro histórico (co apoio do servizo municipal de Turismo) e a entrada a diferentes museos.
Segundo a organización, se agarda que ao redor de 150 estudantes de intercambio se despracen á cidade pontevedresa ese fin de semana.