A Escola de cantería de Poio afronta unha fase de adaptación
Por Redacción
Coa presenza do deputado provincial Xosé Crespo e do alcalde de Poio, Luciano Sobral foi inaugurado o novo curso na Escola de Cantería.
Creado en 1979, este centro conta cun ciclo de cinco anos de ensino coa posibilidade de titularse como canteiro ou como mestre canteiro. Arestora é unha profesión que conta cunha importante demanda no sector da pedra e do granito. Actualmente, en Galicia hai dezaseis grandes talleres de pedra e corenta medianos que dan traballo a 250 traballadores.
Ademais, os alumnos que rematan os seus estudos nesta escola acadan un gran recoñecemento profesional ata o punto de que varios deles levan anos traballando na restauración da Sagrada Familia de Barcelona.
Na presentación, o deputado Xosé Crespo apuntou que "a Escola de Canteiros é fundamental na recuperación da identidade patrimonial de Galicia, na formación dun oficio tradicional e, sobre todo, na orientación ao emprego e reactivación da economía."
A Escola de Canteiros afronta agora un novo paso xa que debe adaptarse e homologar as súas ensinanzas á nova lei que foi publicada no BOE a finais do pasado ano. Nela creábase o título de Técnico en Pedra Natural con carácter oficial e validez en todo o Estado.
Neste sentido, Crespo indicou que "este é o único centro existente en Galicia e España adicado á formación de profesionais da cantería. Por eso hai que adaptar o Decreto do Goberno á realidade de Galicia e buscar unha acreditación en función das características propias da Escola."