A APDR mostra nun documental o 'paraíso roubado' a Pontevedra coa chegada de ENCE
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A realidade da parroquia de Lourizán entre finais do século XIX e os anos 60 do século XX, un período no que pasou de ser o centro neurálxico do turismo de élite e da política galega e estatal arredor de Eugenio Montero Ríos a acoller a fábrica de celulosa de Ence. Ese é o contido central do novo documental producido pola Asociación pola Defensa da Ría, Paraíso Roubado, que se estreará o 10 de maio ás 20.00 horas no Museo de Pontevedra.
O documental, dirixido por Lukas Santiago e que é o primeiro dunha triloxía, aborda a riqueza natural, paisaxística e económica desta parroquia pontevedresa antes de que no ano 1958 Ence empezara a asentarse na súa ubicación actual, a loita social e en feminino contra a súa instalación e o xeito no que chegou a decrepitude da zona a partir dese momento.
Lukas Santiago; o presidente da APDR, Antón Masa; e Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación Provincial, institución colaboradora, presentaron este mércores o documental e reivindicaron a necesidade de facer memoria e difundir toda esa loita social ao tempo que se traslada ás novas xeracións a riqueza patrimonial e natural que había en Lourizán antes de Ence.
Con Paraíso roubado Lukas Santiago quere facer de altofalante para que "se escoite dunha vez a voz dos veciños de Lourizán", as "víctimas principais da celulosa" e a quen "poucas veces se lle dá a oportunidade para ser escoitados", pero tamén poñer de manifesto o papel das mulleres neste conflicto. Ao respecto, lembra graves sucesos como a carga do exército franquista o 10 de febreiro de 1959 contra unha mobilización de 500 mariscadoras de Lourizán e Campelo, das que 14 remataron na prisión e moitas outras no hospital.
"Toda a oposición foi en feminino, estivo protagonizada polas mulleres e hoxe en día está silenciada en maior ou menor medida", reivindica Lukas Santiago, ao tempo que fai súas palabras dunha das persoas ás que entrevistou para este documental, María Castro, que se queixa de que "falar falamos, pero ningún nos escoitou nin nos queren escoitar aínda a día de hoxe".
O documental baséase en entrevistas realizadas por Lukas Santiago entre 2007 e 2010 e tamén outras dos últimos meses e en testemuñas como a do seu avó, que hoxe ten 97 anos e que desde moi pequeño lle contou como era Lourizán antes da autovía de Marín e de Ence e historias daquela Casa de Baños de Mar ou do Gran Hotel de Los Placeres, que houbo no edificio que hoxe acolle o colexio Sagrado Corazón de Os Praceres, un hotel co que Montero Ríos puxo esta parroquia no mapa e ao que empezou a chegar a alta sociedade de toda España.
Con este documental do que a APDR repartirá o 10 de maio 1.000 copias, lémbrase aquel Lourizán polo que pasaba toda a política galega e de Madrid a raíz de que Montero Ríos instalou a súa residencia galega no pazo que aínda se conserva e aquela parroquia que era "un auténtico paraíso" que se perdeu ou, na opinión dos seus promotores, que "foi roubado" e perdeu o seu futuro coa chegada do desarrollismo franquista e a instalación da fábrica de celulosa.
Relacionadas:
-
O 'paraíso roubado' de Lourizán gaña proxección internacional e chega a dous festivais de Sudamérica
Por Redacción |
-
RADIO.- "Lourizán era a elite do turismo, o equivalente galego a Santander e San Sebastián"
Por Marisa Ciordia |
-
O Sexto Edificio do Museo queda pequeno ante a estrea do documental "Paraíso roubado"
Por Redacción |