Millón e medio de persoas, de 40 países e 60 organizacións conforman o YEPP, acrónimo de Mocidades Europeas do Partido Popular. O YEPP acaba de elixir a súa dirección e como secretaria xeral resultou unha moza cambadesa, Maru Pardal.
Milita na formación conservadora desde a súa etapa universitaria. O seu avó foi "fundador" do PP en Cambados, aínda que afirma que na súa familia non todos votaron sempre a este partido. A familia da que provén, porque na familia que formou ela, o voto popular é incuestionable.
A súa filla Julieta, de sete meses, aínda non pode exercer ese dereito; pero si a súa parella, Javier Dorado, secretario xeral do PP de Vigo, deputado autonómico e director do INJUVE. Estudou Tradución e Interpretación e domina seis idiomas. A súa vida actualmente bascula entre Vigo, Santiago e Bruxelas, sinala neste Cara a cara de PontevedraViva Radio.
Falando das súas novas responsabilidades apunta que o contexto europeo actual é desafiante dados os retos que expón; máxime ante os propios retos das nacións, pero que é posible garantir o futuro abordándoos de forma conxunta.
Recoñece igualmente que tampouco é sinxelo o panorama político, no ámbito de cada nación da Unión e da propia entidade Europea: "estamos nun escenario político novo, a liña entre esquerdas e dereitas é máis difusa. Creo que é unha evolución natural e positiva", explica.