Pedro Sánchez recruece en Pontevedra, a cidade de Rajoy, as súas críticas á corrupción no PP
Baixo a coñecida canción Color esperanza de Diego Torres, con apenas dez minutos de atraso sobre a hora prevista e escoltado por cargos locais do PSOE. Así chegou Pedro Sánchez a unha praza do Teucro na que lle esperaban máis de medio milleiro de militantes socialistas. Era a súa segunda visita á comarca en pouco máis dun mes, tras a que realizou a Ponte Caldelas.
As primarias no PSOE, previstas para o 21 de maio, achéganse. Iso nótase no ambiente. Sánchez viña de Vilagarcía e Cuntis e, tras Pontevedra, aínda quedaba Santiago de Compostela. En todos eles repetiuse a estampa, berros de "Pedro si, Susana non", en referencia á súa gran rival pola secretaría xeral socialista, a presidenta andaluza.
Cara a ela foron moitos dardos, chegando a cualificar de "golpistas" aos que forzaron a súa dimisión. Pero non por el, senón por quen lle precederon sobre o escenario: Paloma Castro e Agustín Fernández, edís en Pontevedra; Maica Larriba, como representante da plataforma de apoio a Pedro Sánchez na cidade; ou o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz.
Pedro Sánchez, sen dúbida, optou por centrar o seu discurso nos casos de corrupción que afectan a cargos do PP, con continúan referencias a Mariano Rajoy. Precisamente, en Pontevedra. Na cidade dun presidente do Goberno que, dixo, lidera un partido no que "no la paga quien la hace sino a quien pillan".
"Cuántos Ignacio González, Francisco Granados, Esperanza Aguirre o Luis Bárcenas más hay escondidos en el Partido Popular", preguntouse o aspirante para liderar o PSOE, para quen a corrupción no PP é unha "historia interminable" cuxa continuidade permitiron os propios socialistas, dixo, coa súa abstención na investidura de Rajoy.
"Manda carallo con la abstención del PSOE", dixo entre aplausos dos asistentes. E é que a Sánchez non lle "sorprende" que a Audiencia Nacional chamara a declarar como testemuña ao presidente do Goberno para falar da corrupción do PP, pero que si lle "extraña" que tras coñecerse esta decisión "siga siendo presidente con la abstención do PSOE".
Pedro Sánchez acusou a Rajoy de gobernar España desde fai cinco anos "con dos sombreros", un na Moncloa co que fixo o "mayor recorte social" da democracia, e outro para Xénova, a sede do PP, co que ofrece "barra libre a los suyos".
Tanto, que engadiu lle "molesta" ver "a Bárcenas en la calle sin haber devuelto el dinero y a su amigo en la Moncloa"
"Cuántos Ignacio González, Francisco Granados, Esperanza Aguirre o Luis Bárcenas más hay escondidos en el Partido Popular", preguntouse o aspirante para liderar o PSOE
Con respecto ao proceso de primarias no PSOE, Sánchez mostrou a súa confianza porque se converta no "kilómetro cero" para o "cambio político y económico" en España e comprometeuse a que o partido virará cara á esquerda "tanto como quieran sus militantes".
Tras lembrar que os socialistas europeos que apostaron por "alejarse de la socialdemocracia", como en Holanda ou en Francia, sufriu un "desastre" electoral, o candidato á secretaría xeral defendeu que o partido debe "inspirarse" na fórmula adoptada en Portugal ou en "numerosos" concellos, un PSOE á fronte dunha "mayoría progresista".
Desde Pontevedra, Sánchez fixo un chamamento aos militantes para que, co seu voto nas primarias, "alejen" ao PSOE da "tierra de nadie" á que "la ha condenado" a actual xestora socialista e apoien un proxecto que defende, explicou, un partido "unido y plural" que senta "orgulloso" dunha España "plurinacional y plurilingüística".
O socialismo, segundo Sánchez, debe camiñar cara a "nuevos principios", entre os que citou cuestións como o municipalismo, o feminismo, o ecoloxismo ou a plurinacionalidade, porque o catalán, o vasco ou o galego "son idiomas de los que nos sentimos orgullosos" e non deber ser usados, engadiu, para "enfrentar territorios".
Ademais, Sánchez apostou porque o PSOE lidere o proceso para reducir os aforamentos, acabar coas portas giratorias, reivindicar a laicidade do Estado e denunciar o acordo coa Santa Sede, crear unha comisión "de la verdad" que investigue os crimes franquistas ou impulsar unha lei de morte digna.
E todo, defendendo que os militantes teñan "la última palabra" sobre as decisións estratéxicas que deba tomar o partido. A todos eles, pediulles esquecerse de "ejercicios de nostalgia" e non escoitar "a quien se rodea de ilustres nombres", xente que hai 35 anos "estaría aquí con nosotros defendiendo que todas las decisiones las tomen los militantes".
A este acto público de apoio a Pedro Sánchez acudiron, entre outros, a ex presidenta do Parlamento galego, Dolores Villarino; os deputados Patricia Vilán e Julio Torrado, os alcaldes de Ponte Caldelas e Cuntis, numerosos concelleiros do PSOE na comarca ou o histórico militante socialista Gonzalo Adrio, de case 98 anos de idade, que sentou en primeira fila.
Ao inicio, os asistentes gardaron un minuto de silencio polos tres mariñeiros que faleceron no naufraxio do pesqueiro "Nuevo Marcos" na ría de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Pedro Sánchez gaña as primarias do PSOE: en Pontevedra, case dobra a Susana Díaz
Por Alejandro Espiño |
-
Eduardo Madina, 'embaixador' de Susana Díaz en Pontevedra: "Yo solo contemplo que gane ella"
Por Alejandro Espiño & Alba Sotelo |
-
Pedro Sánchez fará campaña esta semana en Pontevedra para liderar o PSOE
Por Redacción |
-
Patxi López, parada pontevedresa para defender a integración no PSOE: "Si seguimos divididos, perderemos todos"
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
Un Pedro Sánchez "muy animado" polas primarias do PSOE dáse un baño de masas en Ponte Caldelas
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |