A innovación, eixo das dúas novas empresas que aterran no polígono de Barro-Meis
Por Redacción
O viveiro de empresas do polígono de Barro-Meis terá dous novos moradores. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, asinaron este martes os contratos de cesión de espazos para a instalación de dúas novas iniciativas empresariais.
Os dous novos proxectos pasarán a ocupar un total de tres naves, cunha extensión total de máis de 250 metros cadrados, e Carmela Silva destaca o "carácter innovador" das iniciativas e a importancia de que existan persoas emprendedoras con estas aptitudes, pois "repercuten na mellora da economía local e de toda a nosa provincia, á vez que nos axudan a poñernos no punto de mira da innovación, da vangarda e da modernidade".
Un dos proxectos é Top Look Auto, unha iniciativa dedicada á restauración estética e á recuperación de vehículos, que ocupará unha nave de 80,70 metros cadrados. O outro é o da empresa Piscaretes, que ocupará dúas naves do viveiro de empresas de 96,35 e 80,70 metros cadrados para levar a cabo o seu proxecto de captura, explotación, procesado e comercialización de diferentes produtos invertebrados do mar.
O alcalde Barro destacou que o viveiro de empresas de Barro-Meis está practicamente cheo, algo que quere dicir que "é un bo proxecto e que ten unhas condicións axeitadas para o seu desenvolvemento". Ademais, insistiu en que é unha aposta estratéxica de futuro para xerar economía e é moi importante darlles oportunidades á xente nova.
O viveiro de empresas de Barro-Meis conta con 16 naves, 24 oficinas e 3 espazos de coworking con capacidade para 12 postos de traballo. As taxas de ocupación do viveiro son do 87,5% no caso das naves (só hai dúas libres) e do 58,3% en canto ás oficinas (hai dez libres).
Relacionadas:
-
Aberto o prazo para solicitar espazos gratuítos no coworking do polígono de Barro-Meis
Por Redacción |
-
En poucos meses o viveiro de empresas de Barro Meis ocupará a totalidade das naves dispoñibles
Por Oskar Viéitez |
-
O PP pide á Deputación que desenvolva a segunda fase do polígono de Barro-Meis
Por Oskar Viéitez |