O PP denuncia que o Concello "continúa engrosando" a lista de servizos privatizados
Por Redacción
Para o Partido Popular que o goberno municipal sacara a contratación a preparación e desenvolvemento das actividades do Teatro Principal e do Pazo da Cultura é unha mostra máis de que o Concello "continúa engrosando" a lista de servizos municipais privatizados.
Esta actuación, sinalan nun comunicado, "choca co discurso nacionalista en toda Galicia" en favor da xestión pública das administracións, polo que Jacobo Moreira denuncia que o BNG "predica unha cousa" pero o equipo de Lores "realiza todo o contrario".
Os populares aseguran que no que vai de ano xa se formalizou a privatización da xestión do CITA, a privatización do Local de Música e o mantemento dos colexios públicos de Educación Infantil e Primaria do municipio.
"Cando Lores e os seus concelleiros se poñen tras unha pancarta esixindo a xestión pública para calquera tipo de servizo deberían mirarse primeiro ao embigo e non caer na demagoxia barata. Non se pode estar na rúa defendendo unha cousa e facer a contraria no Concello", manifestou o edil popular.
Así, o PP lembra que estas privatizacións se suman ás xa coñecidas como a do servizo de abastecemento de auga, a recollida de lixo, o guindastre, os xardíns, o matadoiro municipal, a recadación de multas, a piscina municipal, a axuda no fogar, os comedores escolares, os campamentos urbanos ou o mantemento de vías urbanas e rurais.