Ponte Caldelas mantén a súa oferta á Xunta de pagar as expropiacións da PO-234
Por Redacción
O anuncio o pasado venres por parte da Xunta de Galicia de que asumirá as expropiacións necesarias para a reforma da estrada PO-308 non deixa de xerar reaccións. Unha deles é a do goberno bipartito de Ponte Caldelas, que interpreta o anuncio da administración autonómica como que o Concello de Poio logrou que a Xunta asuma as expropiacións das obras de mellora da seguridade viaria despois de "máis dunha década dun conflito inútil" e no que se perderon vidas humanas.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Diaz, felicita ao Concello de Poio por "ter conseguido" esta medida e tamén ao director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, por "ter demostrado intelixencia para que a Xunta se faga cargo das súas competencias".
Agora que na PO-308 xa se camiña cara a unha solución, Andrés Díaz agarda que o sucedido en Poio "se traduza tamén no remate da disputa institucional" co Concello de Ponte Caldelas a propósito da mellora na seguridade viaria no tramo das curvas cegas de Laxoso na PO-234.
Ao respecto, recorda que o pasado mes de xaneiro entregou unha proposta de convenio que asegura que converteu a Ponte Caldelas no primeiro municipio de España en ofrecerse a pagar as expropiacións das obras nunha estrada autonómica. "Pasados tres meses aínda non hai resposta oficial", lamenta, pero insiste na súa vontade de manter en pé a oferta de correr coas expropiacións.
"Nós alegrámonos de que a Xunta entrara en razón en Poio, pero se temos que pagarlles as expropiacións para que arranxen a PO-234 farémolo", asegurou a través dun comunicado Andrés Diaz, para pasar a insistir en que "o que máis nos importa é que a obra se faga".
Andrés Diaz tamén manifesta o seu desexo de que que este conflito contribúa a que a Xunta de Galicia "abandone definitivamente a táctica de culpabilizar aos concellos onde non goberna o PP", esixíndolles a entrega dos terreos para executar obras na rede autonómica de estradas. "Sería incomprensible que o Goberno de España fixera o mesmo coa rede estatal de estradas, pero parece que Galicia é sitio distinto", conclúe.
Relacionadas:
-
A Xunta licita a mellora da estrada PO-234 nun tramo de Cotobade
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas achega 40.000 euros á Xunta para desbloquear as obras da estrada PO-234
Por Redacción |
-
Laxoso e Augasantas dan o seu visto bo ao acordo para reformar a PO-234
Por Redacción |
-
O goberno local de Ponte Caldelas dará conta aos veciños do acordo coa Xunta na PO-234
Por Oskar Viéitez |
-
A PO-234, en obras o próximo verán polo tramo de Cotobade; Ponte Caldelas terá que esperar
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Ponte Caldelas reclamará da Xunta un convenio vinculante para as obras da PO-234
Por Redacción |