O PP asegura que só Vigo cobrará máis pola retirada de vehículos que Pontevedra en Galicia
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular asegura que a proposta do equipo de goberno de Fernández Lores para modificar as tarifas do servizo de guindastre deixarán a Vigo como a única urbe en Galicia que aínda cobrará máis que Pontevedra pola retirada de vehículos e a da Coruña como a única na que será máis cara a permanencia do coche no depósito municipal.
Segundo os populares, "o incremento da presión fiscal sobre os cidadáns por parte de BNG e PSdeG-PSOE a nivel municipal está a acadar cotas rechamantes nalgúns servizos, niveis que contrastan enormemente coa reiterada mensaxe que lanzan algúns dos seus concelleiros sobre a suposta boa saúde financeira do Concello".
Deste xeito, di o PP que Pontevedra é "unha das cidades galegas co IBI e a recollida de lixo que máis custan aos seus veciños".
O Partido Popular xa denunciou publicamente a "evidencia do exclusivo afán fiscal da política de sancións que está a levar adiante o alcalde a través da Policía Municipal, cunha constante e crecente presión sobre os condutores en forma de denuncias cada vez máis caras".
"No pleno do vindeiro luns, co voto en contra do PP, o equipo de Lores asinará un novo capítulo desta obsesiva tendencia ao incremento da recadación a través das multas, con ese aumento da tarifa do guindastre municipal nun 32%", anuncian dende o grupo de Jacobo Moreira. "O obxectivo de Lores é compensar con estas sancións a redución experimentada nos niveis de recadación doutras áreas derivada da actual crise económica".