Ángel Moldes cre que o bipartito de Poio "ten que pedir perdón a moita xente" en relación coa PO-308
Por Redacción
O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, considera que o goberno bipartito BNG-PSOE no municipio "ten que pedir perdón a moita xente" en relación coa xestión da reforma da PO-308, entre eles. aos veciños e afectados "por mentirlles durante máis dun ano, por dicir que tiña terreos que non tiña" e á Xunta de Galicia "por querer responsabilizala dos mortos da estrada, por dicir falsamente que a Xunta boicoteaba as beirarrúas; por dicir que a Xunta discriminaba a Poio...".
Moldes realizou estas declaracións este sábado nunha rolda de prensa na sede do PP en Poio para analizar a medida anunciada este venres pola Xunta de Galicia de que asumirá as expropiacións necesarias para construir a senda peonil entre O Covelo e Raxó.
Na súa comparecencia, Moldes quixo insistir en que a decisión da Xunta "non ten nada que ver con ningunha proposta do bipartito" e acusou ao goberno local de querer "colgarse medallas inmerecidas". Recoñeceu que o bipartito propuxo á Xunta que expropiase e que o Concello pagaría as expropiacións, pero tilda estes plans de "ocorrencia" e aplaude que o goberno autonómico decidise "ignorar ao bipartito" e asumir o pago das expropiacións e o investimento total de 2,2 millóns para a actuación.
Para o voceiro do PP en Poio, a "única aportación" do goberno de Poio ás beirarrúas será a de "ter mentido durante máis dun ano, retrasar as obras e non conseguir un só metro dos terreos aos que se comprometera". Ademais, insistiu que a Xunta non tomou a decisión de facer as expropiacións, tal e como lle propuxera o Concello, en resposta á súa proposta, senón porque estaba "cansa das mentiras e as pérdidas de tempo do bipartito".
De feito, considera que a administración autonómica non lle deu a razón ao Concello ao facer as expropiacións como lle pedían, senón todo o contrario, que con este xesto "desautorizou e deixou en evidencia a Chelo Besada e a Nito Sobral, facéndose cargo do que eles non foron capaces de facer" e "deixando ben claro que o bipartito mentiu sobre os terreos dos que dispoñía".
Moldes botoulle en cara ao goberno local que "estiveron máis dun ano mentindo á cara dos veciños para non recoñecer a súa incompetencia" e acusa ao BNG e o PSOE de que "nin sequera falaron cos propietarios". Na súa opinión, todo isto significa que "non teñen ningunha consideración polos propios veciños de Poio", pois todo este proxecto "xa se podía estar executado" e "se se chegou ata hoxe foi polas mentiras de Poio".
Na lista de persoas ás que considera que o bipartito debería pedir perdón está o propio Moldes, pois "aseguraban que o PP bloqueaba e hai que recordar que nós reunímonos o martes co delegado da Xunta e o venres sacaron a expropiación".
Relacionadas:
-
En Marea tilda de "chapuza" a senda da Xunta para a PO-308 en Poio
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta acepta a proposta de Poio e expropiará os terreos para construír a senda peonil e ciclista na PO-308
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local denuncia o boicot da Xunta a Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Moldes pide á Xunta que rexeite a oferta de Poio de pagar as expropiacións na PO-308
Por Oskar Viéitez |
-
Poio ofrécese á Xunta a pagar as expropiacións que permitan mellorar a seguridade viaria en Raxó e Covelo
Por Diego Espiño |
-
O PP tilda de "falsas, desafortunadas e fóra de lugar" as críticas de Chelo Besada sobre a PO-308
Por Redacción |
-
"A Xunta ten unha débeda histórica con Poio e os seus intereses, desgraciadamente, páganse con mortos"
Por Oskar Viéitez |
-
Morre atropelado en Covelo un ciclista de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |