A presidenta da xunta de persoal dos hospitais de Pontevedra enfróntase a unha tensa moción de censura
Por Anxo Lourido
Este xoves 20 ás 09.30 horas, 16 delegados dos 27 que forman parte da Xunta de Persoal dos hospitais de Pontevedra presentarán unha moción de censura para que Carolina Iñarrea, de Prosagal, abandone o seu cargo como presidenta deste órgano representativo dos traballadores dos centros hospitalarios da área norte de Pontevedra.
Os sindicatos CEMS-OMEGA, CIG, TSP, CSIF, SATSE, CC.OO. e UXT sinalan que perderon a confianza nas representantes de Prosagal, a organización que nacera como un colectivo de defensa dos dereitos dos traballadores sanitarios e que sorprendente gañaba as primeiras eleccións sindicais ás que se presentaban.
O resto de sindicatos reclamaron unha reunión extraordinaria para este xoves co obxectivo de que abandonen o cargo tanto a actual presidenta Carolina Iñarrea como a secretaria María Ferrero e postulan para eses postos a Carmen Revenga de CEMS-OMEGA, que xa fora presidenta da xunta de persoal antes das últimas eleccións e, como secretario, a Xermán Rouco, de CIG.
Con ironía na páxina de Facebook de Prosagal, as representantes deste colectivo convidan o resto de sindicatos a que se fusionen nun só para non perder os votos e sacar máis representación nas eleccións de 2019. Engade que con esa fórmula, "a administración non terá que reunirse varias veces para comprar as súas vontades por separado" e sinalan que esa hipotética fusión "aforraría traballo a todos, aos traballadores que non dubidarán entre 7 papeletas distintas, aos seus intereses mafiosetes e ao Sergas ao que lle simplificarán o traballo de comprar o seu silencio e seguir precarizando ao traballador".
Iñarrea indica que desde que se atopan á fronte da xunta de persoal pelexaron pola transparencia en todo o relacionado cos traballadores facendo públicas as actas dos diferentes encontros sindicais e cos representantes da administración e, ademais, queren facer públicas as comisións de servizo do mesmo xeito que crear unha comisión de saúde laboral para que todos os traballadores ocupen os seus postos de traballo. Iso, segundo sinala a actual presidenta, está a provocar malestar no resto dos sindicatos que rexeitan que se fagan públicos todos estes datos.
A presidenta Carolina Iñarrea gravou tamén un vídeo no que expón esta situación e agradece o apoio que está a recibir Prosagal antes da xunta deste xoves que se prevé moi tensa.
Relacionadas:
-
Os sindicatos que asumen o control da Xunta de Persoal do CHOP queren superar o "presidencialismo" de Iñarrea
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Carolina Iñarrea cesa como presidenta da xunta de persoal dos hospitais de Pontevedra: "Es un golpe de estado sindical"
Por Anxo Lourido |
-
Protesta ante os hospitais Montecelo e Provincial para denunciar unha contratación "precaria e escrava"
Por Oskar Viéitez |
-
Prosagal e a dirección de Recursos Humanos do CHOP vense as caras nos xulgados polos "moscosos"
Por Redacción |