Montse Dopico e María Obelleiro, gañadoras do premio Johán Carballeira de xornalismo
Por Redacción
Dúas mulleres, Montse Dopico e María Obelleiro, son as autoras dos traballos que veñen de ser recoñecidos co premio Johán Carballeira de xornalismo, que anualmente convoca o Concello de Bueu.
Segundo sinalou o xurado, as reportaxes premiadas representan o novo xornalismo galego escrito por mulleres e destacan dous ámbitos fundamentais para este galardón: o do xornalismo cultural e o do social.
O premio recae en Montse Dopico, coa súa reportaxe Galaxia vs Galaxia. A construción de hexemonía cultural, publicada na revista Luzes, e María Obelleiro Hermida, titulada O apartheid sanitario na Galiza, que saíu en Sermos Galiza.
O xurado estivo conformado por Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira de Bueu, Montse Fajardo, xornalista e experta nas historias da memoria histórica, e Antón Lopo, gañador da pasada edición.
De entre os dezanove traballos presentados, dos que se destaca a esencia do xornalismo de Johán Carballeira, o xurado decidiu premiar a estes dous, ao ser "modelos de esixencia técnica e de investigación, que son ademais complementarios en dous ámbitos fundamentais para este galardón: o xornalismo cultural e o xornalismo social".
Ademais, o xurado insiste na calidade xeral dos traballos presentados, na súa variedade temática, de estilo e de enfoque que recollen a identidade do premio.
No caso de Montse Dopico, resalta a "utilización dos diálogos entre dúas persoas que ofrecen visións distintas sobre un feito histórico", e o traballo de María Obelleiro "dá voz ás persoas non teñen unha persoa nos medios e incidindo na diversidade coral, para a análise dun tema tan lacerante como o da discriminación da sanidade que sofren as persoas inmigrantes".
Ambas as dúas xornalistas serán premiadas cun premio de 750 euros cada unha e serán homenaxeados nun acto que se organizará na Semana das Letras Galegas.
Relacionadas:
-
Récord de propostas para os premios Johán Carballeira de Bueu
Por Redacción |
-
Bueu entrega os premios Johán Carballeira de poesía e xornalismo
Por Redacción |
-
65 traballos optan aos premios Johán Carballeira
Por Redacción |
-
Nova convocatoria dos premios de poesía e xornalismo Johán Carballeira
Por Redacción |
-
Antón Lopo recibe en Bueu o XIII Premio Johán Carballeira de xornalismo
Por Redacción |