José Sieiro repetirá á fronte de Protección Civil de Caldas catro anos máis
Por Redacción
Este luns 17 de abril iniciarase unha nova etapa en Protección Civil de Caldas de Reis. A agrupación de voluntarios estivo inmersa durante as dúas últimas semanas nun período electoral para a renovación da xefatura unha vez finalizado o período de catro anos á fronte do colectivo do seu anterior responsable, José Sieiro. Finalmente, foi desinado para seguir outros catro anos, entre 2017 e 2021.
A Xunta Electoral comunicou á agrupación e ao alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, en calidade de presidente de Protección Civil, que Sieiro foi o único candidato e queda confirmado no cargo sen necesidade de celebrarse eleccións, previstas para este sábado.
A nova etapa empezará leste mesmo luns e continuará a senda dos catro últimos anos. Sieiro asumiu a xefatura o 9 de abril de 2013 e desde entón encabezou un proceso de cambios e innovación na agrupación. Segundo os datos facilitados ao termo do mandato, desde a súa chegada ao cargo ata decembro de 2016 Protección Civil de Caldas realizou 2.777 intervencións.
Nesta última etapa, Protección Civil consolidou 15 voluntarios en activo, unha cifra que é resultado dun reto persoal que se marcou Sieiro á súa chegada á xefatura e que foi clave na consecución dos logros dos útlimos anos. "Sen o esforzo de todos os compañeiros o avanzado cara ao futuro tería sido imposible", sinalaba a modo de balance o 4 de abril.
Nese balance da actividade 2013-2017, José Sieiro daba por "amplamente cumpridos" os obxectivos que se propuxo o equipo directivo, pero tamén recoñeceu que "todo é mellorable co traballo diario" e agradeceu o afecto e recoñecemento recibido durante estes catro anos polos veciños de Caldas.
Durante este último mandato, Protección Civil de Caldas reformou a estrutura loxística do servizo en materia de comunicacións e primeiros auxilios e incorporou novos recursos materiais, como un vehículo pickup e unha embarcación neumátic. Ademais, conectouse coas plataformas informáticas da Xunta de Galicia e adheriuse á rede de emerxencias TETRA. Os logros foron moitos, pero tamén sinalan que quedan obxectivos pendentes a nivel material, tales como a incorporación dun camión autobomba que solicitaron ao Concello o pasado mes de febreiro.
Esta etapa foi tamén a do salto definitivo ás redes sociais, con perfís activos en Facebook, Twitter e Youtube, e ás novas tecnoloxías. Respecto diso, destaca a incorporación a Alertry, unha aplicación de alerta temperá ante emerxencias que calquera veciño pode levar no seu smpartphone.
A aposta pola formación, a adhesión como Entidade de Acción Voluntaria desde abril 2016 e a súa participación activa na elaboración do Plan de Emerxencia Exterior Foresa Caldas son algúns dos logros deste período que termina.
Relacionadas:
-
Protección Civil e Policía Local de Caldas fórmanse en reanimación cardíaca
Por Oskar Viéitez |
-
Protección Civil de Caldas consolídase como un servizo de "vital importancia e esencial"
Por Oskar Viéitez |
-
Protección Civil de Caldas recibe unha pértega para combater a avespa asiática
Por Redacción |
-
Protección Civil de Caldas incorpórase á Rede Dixital da Dirección Xeral de Emerxencias
Por Redacción |
-
Protección Civil de Caldas celebrará os seus 20 anos cun congreso
Por Redacción |