As parcelas do polígono de Barro-Meis, á venda durante un ano
Por Redacción
As empresas interesadas en mercar alguna das parcelas do polígono de Barro-Meis teñen un ano a partir deste xoves para constituír un dereito de superficie ou de propiedade sobre os terreos que aínda están dispoñibles, pois a Deputación Provincial decidiu ampliar a un ano o prazo previo.
O último pleno da Deputación de Pontevedra aprobou a ampliación a un ano do prazo de venda ou constitución de dereitos de superficie das parcelas e agora o prazo xa queda oficialmente aberto coa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).
A Deputación convocou o pasado xaneiro un concurso público para a venda destas parcelas e agora o prazo amplíase coa finalidade de axudar á implantación de industrias e actividades económicas que favorezan o desenvolvemento económico e a promoción do emprego na provincia de Pontevedra.
Segundo informou a Deputación a través dun comunicado, na actualidade, no polígono de Barro-Meis hai un total de 28 parcelas ocupadas, máis outras cinco que xa foron adxudicadas, isto é, un total de 33 parcelas vendidas, co cal as dispoñibles ascenden a un total de 40. Ademais, neste polígono atópanse o viveiro de empresas da Deputación de Pontevedra, que ocupa unha parcela de 2.500 metros cadrados e, a maiores, o centro de apoio empresarial.
Dende primeiros do mes de xaneiro están dispoñibles as 40 parcelas restantes, que contan cunha superficie superior aos 100.000 metros cadrados. As parcelas teñen distintas superficies comprendidas entre os pouco máis de 1.500 metros cadrados ata os máis de 6.000.
As parcelas poden ser adquiridas en propiedade ou coa nova fórmula de constitución dun dereito de superficie, cun mínimo de cinco anos e un máximo de ocupación de 25 anos e con opción final de compra da mesma parcela.
Relacionadas:
-
O PP pide á Deputación que desenvolva a segunda fase do polígono de Barro-Meis
Por Oskar Viéitez |
-
Chegan cinco novas empresas ao viveiro do polígono de Barro-Meis
Por Oskar Viéitez |
-
Xa está operativo o novo centro loxístico de Estrella Galicia no polígono de Barro
Por Oskar Viéitez |
-
O novo centro loxístico de Froiz que dará traballo a máis de 500 persoas estará listo en tres anos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Xa podes mercar algunha das 48 parcelas dispoñibles no polígono de Barro-Meis
Por Redacción |