O PP tilda de "falsas, desafortunadas e fóra de lugar" as críticas de Chelo Besada sobre a PO-308
Por Redacción
"A Xunta ten unha débeda histórica con Poio e os seus intereses, desgraciadamente, páganse con mortos", criticaba este mércores a alcaldesa en funcións do Concello de Poio, Chelo Besada. E as súas críticas non deixaron esperar a resposta do presidente do PP de Poio, Ángel Moldes, que este xoves declarou que as declaracións da edil socialista son "falsas, desafortunadas e fóra de lugar".
O intercambio de reproches ten a súa orixe no accidente mortal dun ciclista o pasado domingo na estrada PO-308 ao seu paso por Poio, Mentres Chelo Besada responsabilizou á Xunta do sinistro, Ángel Moldes considera que a súa forma de actuar, en calquera outro político, suporía "presentar a súa dimisión".
Ante as críticas de Besada á falta de investimentos e compromisos da Xunta do PP con Poio, Ángel Moldes repróchalle que "o maior maltrato" que reciben os veciños de Poio é o que lles dá o goberno local do que ela forma parte xunto co BNG, pois é "incompetente".
"A maior débeda cos poienses é a que ten o bipartito", indicou Moldes a través dun comunicado no que reparte as responsabilidades no enderezo contrario, pois considera que os veciños de Poio xa poderían ter beirarrúas na PO-308 "se non fose polas mentiras e a irresponsabilidade do goberno".
Entre outras mentiras, sinala que o alcalde, Luciano Sobral, asegurou varias veces que o Concello xa dispoñía dos terreos necesarios para as beirarrúas, pero "todo era mentira" á vista das declaracións de Chelo Besada. Ao respecto, o 'popular' sospeita que o goberno local non ten "un só metro" deses terreos e "o único que fixeron é mentirlle aos afectados e aos veciños durante anos".
Outra das críticas de Ángel Moldes céntrase en que Chelo Besada acusou ás administracións de non recibir e non reunirse co goberno de Poio, pois o voceiro do PP asegura que esta semana o alcalde "deixou prantadas a dúas conselleiras", as de Mar e Medio Ambiente, e a representantes de todo o sector nunha reunión na que se ía falar do saneamento da ría e da depuradora de Samieira.
Ademais, Ángel Moldes reprocha que Besada faga política cos mortos, pois recorda que nas estradas de titularidade local producíronse no pasado accidentes mortais, e "en ningún momento o PP culpou ao bipartito desas mortes por pasividade ou falta de investimento".
Relacionadas:
-
Ángel Moldes cre que o bipartito de Poio "ten que pedir perdón a moita xente" en relación coa PO-308
Por Redacción |
-
No día mundial da bicicleta, o ciclismo en Pontevedra está de loito
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Moldes pide á Xunta que rexeite a oferta de Poio de pagar as expropiacións na PO-308
Por Oskar Viéitez |
-
Poio ofrécese á Xunta a pagar as expropiacións que permitan mellorar a seguridade viaria en Raxó e Covelo
Por Diego Espiño |
-
"A Xunta ten unha débeda histórica con Poio e os seus intereses, desgraciadamente, páganse con mortos"
Por Oskar Viéitez |
-
Investigan por homicidio imprudente o autor do atropelo a un ciclista en Poio e piden revisar o seu psicotécnico
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Os ciclistas recordan que "levamos anos" denunciando o perigo da PO-308 e foron "ignorados"
Por Redacción |
-
Morre atropelado en Covelo un ciclista de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |