Ence duplica de 3.000 a 6.377 as hectáreas forestais con certificación internacional
Por Redacción
O Consello de Administración Forestal FSC® (Forest Stewardship Council®) ten cerficado 3.000 novas hectáreas de eucaliptal do patrimonio de Ence no norte de España. Con esta cifra, a filial forestal da pasteira, Norte Forestal, pasa a contar con 6.377 hectáreas certificadas, o dobre das que tiña.
Esta certificación chega despois de que Ence pasase con éxito a auditoría externa que verificou o cumprimento dos indicadores establecidos por este esixente esquema de certificación internacional, segundo informou a compañía nun comunicado.
Para Ence, "a certificación forestal constitúe a mellor ferramenta para garantir á sociedade que a xestión que se realiza para ofrecerlle os produtos forestais que consume é ambientalmente respectuosa, socialmente responsable, e economicamente viable".
O patrimonio forestal certificado e xestionado polas filiais de Ence na Península pasou a acadar as 26.969 hectáreas polo sistema FSC® e as 61.924 polo sistema PEFC (entre as filiais Silvasur e Norte Forestal).
A compañía foi "pioneira en acometer proxectos de certificación en España, non só implantando programas de certificación das súas masas forestais, senón establecendo mecanismos que aseguren a trazabilidade da madeira, e estendendo esta política ao seu ámbito inmediato fomentando a certificación das superficies dos seus socios e colaboradores e primando as compras de madeira certificada".
Ence produce máis de 1.240.000 toneladas de celulosa de eucalipto de alta calidade nas súas plantas de Huelva, Navia (Asturias) e Pontevedra, nas que aplica as tecnoloxías máis respectuosas co medio e procesos de mellora continua para reforzar a súa competitividade e a súa calidade.