Os afectados queren que as administracións asuman as súas responsabilidades pola derriba de 8 chalés en Chancelas
Por Redacción
Os afectados pola sentenza de demolición de oito chalés construídos fronte á praia de Ouriceira, en Chancelas, queren que as administracións asuman as súas responsabilidades.
Concretamente sinalan á Xunta de Galicia e ao Concello de Poio que autorizaron no seu día a construción destes adosados cuxa derriba foi reiterada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
A urbanización Mar de Tambo foi levantada pola empresa Vigobarro, agora xa liquidada, e no seu inicio obtivo as correspondentes autorizacións, permisos de obra e licenzas oportunas. "Non nos podían dar licenza, con todo, déronnola", lembra un dos afectados. Lembran que durante a realización da obra "nunca se pediu a súa paralización", por parte da Xunta.
Aseguran que no comezo da obra, non se lles comunicou oficialmente a afección desta servidume aos terreos onde estaban a edificar. É dicir, a oito casas das 18 que foron finalmente construídas.
Nas próximas semanas iniciarán os trámites para esixir responsabilidades á Xunta e ao Concello.
Este conflito arrancou na década dos 90 e a estas alturas existe unha resolución firme do alto tribunal galego polo que non cabe recurso ordinario de casación.
Ademais, por non executar as derribas, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) interpuxo multas coercitivas de 10.000 euros aos propietarios das vivendas da primeira liña de chalés que se atopan dentro da zona de cen metros de servidume de protección do dominio público terrestre. As sancións foron recorridas na vía contencioso administrativa.
Relacionadas:
-
O Concello de Poio oponse á derriba de 8 chalés en Chancelas
Por Redacción |
-
Piden ao Concello que organice unha mobilización veciñal contra a derriba de 8 chalés en Chancelas
Por Oskar Viéitez |
-
Os propietarios dos chalés de "Mar Tambo" convocan unha protesta contra os desafiuzamentos
Por Oskar Viéitez |