Conca do Lérez pon en marcha unha central de compras
Por Oskar Viéitez
O Consorcio Local Conca do Lérez, que aglutina aos municipios de Forcarei, Cerdedo, Campo Lameiro e Cotobade, ultima os pregos de condicións para sacar o concurso pensando nas compras en conxunto a través da central de compras.
Durante esta semana intensificáronse os traballos para sacar a concurso no menor tempo posible as compras que realizarán os concellos a través desta central. Espérase que para a próxima semana se contacte en primeiro lugar coas empresas locais de cada concello que fornecían ata a data para darlles a coñecer en primeiro lugar e como deferencia as condicións destes pregos.
Posteriormente sacaranse os anuncios correspondentes para que as empresas que mellores condicións económicas e de servizo oferten poidan levar este importante contrato co que pretenden aforrar preto de 40.000 euros.
O primeiro que se fará será asinar un convenio de colaboración entre os concellos que queren consorciar este servizo, espérase que o convenio sexa asinado a próxima semana. Desde este servizo centralizaranse as compras de subministros dos Concellos para lograr uns mellores prezos no gasóleo, material de oficina, materiais de construción, etc
En canto ao contrato de mantemento do alumado público os departamentos administrativos de cada concello están elaborando en conxunto e recompilando a información necesaria para demostrar o importante aforro que se producirá. Espérase de paso que xa se estableza a liña de traballo e iniciar o servizo.
Outra posibilidade que se está estudando a fondo é a de reunir os seguros a través dunha póliza de flota, para iso os concellos co persoal técnico municipal están elaborando unhas táboas comúns de información de todo o parque de maquinaria e seguros municipais para que diferentes corredurías analicen este servizo e que lles pasen as mellores ofertas e condicións, crendo que aquí tamén se pode producir un importante aforro.