Os socialistas de Cotobade denuncian un orzamento "continuísta e pouco innovador"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O primeiro orzamento que se aproba no concello fusionado de Cerdedo-Cotobade non gusta nas bancadas da oposición. Os socialistas denunciaron que as contas que presentou o Partido Popular son "continuístas e pouco innovadoras", a pesar de contar con máis ingresos polo fondo reservado pola Xunta para os procesos de fusión entre municipios.
A voceira do PSdeG-PSOE, Lina Garrido, lamenta a ausencia de grandes investimentos e que o "asfalto" siga a ser a prioridade do goberno. Aseguran que se presentan "de forma abstracta e sen concretar por parroquias", o que entenden que permitirá "distribuír os cartos dunha maneira menos transparente e atendendo máis os favoritismos"
Ademais, Garrido reitera que antes de aprobar un orzamento conxunto ambos concellos debería ser sometidos a unha auditoría que fixera este proceso "máis transparente" e cumprindo a legalidade "como norma fundamental".
Das principais cifras, os socialistas aseguran que sete de cada dez euros do orzamento, que roza os cinco millóns, serán para pagar o persoal do concello e os gastos correntes.
A edil socialista considera "insuficientes", entre outras partidas, os 9.000 euros de axudas para os autónomos e empresas do municipio e critican os 3.000 euros consignados para subvencións nominativas para festas e asociacións de pais, mentres as escolas deportivas "terán problemas como sempre".
Os socialistas engaden que os 20.000 euros recollidos nos programas de emerxencia non están detallados e critican o aumento no salario do alcalde ata os 40.000 euros, así como das asistencias a plenos e comisións municipais que pasarán a 90 euros.