O acusado de intentar matar a marteladas a súa muller en Poio enfróntase a 15 anos de cárcere
Por Natalia Puga
O veciño de Poio detido en abril de 2011 por supostamente golpear cun martelo a súa muller en presenza das súas fillas xemelgas na Porteliña enfrontarase a 15 anos de prisión como autor dun delito de asasinato en grao de tentativa.
O dato saíu a relucir este xoves despois de que a Sección Cuarta de la Audiencia Provincial de Pontevedra celebrase unha vista de apleación para revisar a prórroga da estanza en prisión do acusado, Jeremías Canda Rodríguez.
A fiscal solicitou ao tribunal que prorrogue a situación de prisión provisional na que se encontra dende o 20 de abril de 2011 e avanzou que o escrito de acusación xa está rematado e trasladado ás partes e o delito do que se lle acusará será asasinato en grao de tentativa, xa que actuou con planificación e se asañou coa súa vítima, aínda que ela non faleceu.
A defensa do procesado pediu que se lle deixe en liberdade ao entender que a súa actuación é constitutiva dun delito de lesións e que xa permaneceu en prisión máis tempo da condena que podería impoñérselle por esta infracción penal. Insiste tamén en que nunca intentou subtraerse da Administración de Xustiza, de modo que non hai risco de fuga antes de que se celebre o xuízo contra el.
A vista celebrouse a porta pechada e Jeremías Canda presenciouna por videoconferencia. Segundo indicaron fontes xudiciais, o home pediu quenda de palabra e fixo alusión a informacións publicadas sobre el nos medios de comunicación e ao seu arrepentimento polos feitos e que estaba baixo os efectos do alcol.
A Audiencia xa revisou a situación de prisión deste acusado no mes de novembro de 2012 e a Audiencia ditou un auto decretando que continuase entre reixas á espera de que se celebrase xuízo ou, polo menos, ata que se cumprisen dous anos da súa estanza en prisión. Estes dous anos cumpriranse nun mes, de aí que volvese revisarse a causa.
Jeremías Canda foi detido pola Garda Civil o 17 de abril de 2011 tras supostamente golpear varias veces na cabeza cun martelo a súa parella no domicilio que compartían na Porteliña. Están legalmente unidos como parella de feito dende hai 15 anos e teñen dúas fillas en común, pero estaban en fase de separación no momento dos feitos e el levaba días sen durmir na casa familiar.
A súa detención foi rocambolesca. Un garda civil fóra de servizo viuno saír do piso cun martelo. Tamén un veciño, que se interpuxo no seu camiño e gañou outro golpe. Jeremías Canda acabou escapando nun coche e ameazando a Garda Civil que se suicidaría se pretendían detelo. Ao final, localizárono e detiveron no acceso á autovía do Salnés.
Relacionadas:
-
O poiense acusado de intentar matar a marteladas a súa muller chega a xuizo
Por Natalia Puga |
-
O xuíz decide manter en prisión provisional o acusado de intentar matar a marteladas a súa muller en 2011
Por Natalia Puga |
-
Prorrogan a prisión ao poiense acusado de golpear á súa muller cun martelo diante das súas fillas
Por Natalia Puga |